En compañía de animales

"Cando desapareceu Cloe só faltaba chamar a Lobatón"

A vicedense Silvia Pigueiras aconsella deixar a súa comida á porta e area para que se orienten cando se perden, algo que funcionou cando marchou a súa
Silvia Pigueiras e a súa gata Cloe. M.A.N.
photo_camera Silvia Pigueiras e a súa gata Cloe. M.A.N.
Silvia Pigueiras e a súa gata persa Cloe | É unha raza de gatos moi listos, segundo a súa dona, que aconsella telos de querer unha mascota independente, pero ten un coidado fixo: hai que peiteala todos os días. Pensa que son "unha pasada, a parte de preciosos e pasotas". Cloe, mercada en Pontevedra, logo cumprirá 4 anos e foi un agasallo de aniversario para Silvia.


Silvia Pigueiras recoñece que lle gustan moito os gatos. Na súa casa teñen varios animais, comprados e adoptados, como un carlino que lle regalou á filla pola comuñón, e hai ano e medio adoptou un mastín en Gadoupas. Di que "se puidese tería máis, aínda que sexa complicado recomendo adoptar, entendo que ten que haber un protocolo, non van dalos para telos abandonados. É como adoptar un neno, non é fácil, teñen que saber que lles vas dedicar tempo, tes que estar de acordo en castralos e hai que facer moito papelame".

Esta vicedense tivera hai anos outra gata persa cruzada, Susi. "Encantábame, gústame telos na casa pero que teñan un pouco de liberdade, e ao deixala saír colleuna un coche". Dende entón sempre quixo ter outra, un soño cumprido cando chegou Cloe.

Silvia di que "nós traballamos en equipo, dende que un día tivo bastantes nós, leveina ao veterinario e rapouna, encárgase miña nai de tela preciosa, córtalle as unllas e o pelo cando o necesita. Desta vez cortoullo un pouco antes de desaparecer, agora téno longo", explica.

Afirma que "non é cariñosa como un gato común, só vén a ti cando lle convén. Son preciosos pero moi peculiares". Silvia recoñece que "cólleselles moito cariño, aquí cada un temos a nosa mascota. Meu pai e miña filla teñen debilidade por ela, cando desapareceu só faltaba chamar a Paco Lobatón, meu pai fálalle como se fose un bebé".

Pensa que a causa puido ser que adoptou un pequeno dos salvaxes do contorno para non sacrificalo. "Empezou a ter celos e creo que foi o motivo polo que desapareceu, ela era a única gata e cando chegou Tokio empezou a rebotarse e quixo chamar a atención", comenta Silvia, quen di que "é moi rateira e gústalle cazar e anda detrás dos paxaros".

"Estivemos dous días buscándoa desesperados, púxenme en contacto coa protectora, tiña medo de que alguén a roubase, por se a vían para que avisasen. Agradezo a todos os que compartiron. Penso que se chegou a perder e non sabía volver, de noite deixamos unha ventá aberta coa súa comida e area para que se orientase, e a luz acesa. Creo que vive tan ben que volveu por iso. Fun coa mastina buscala, era a impotencia de ver que a filla quería atopala e non aparecía, estábame frustrando".

Comentarios