Cándido Paniagua: "Estou cómodo no enigma e por iso me saíron dúas novelas negras"

O escritor da Limia e profesor de Lingua Galega no IES Monte Castelo Cándido Paniagua presentoulle a súa última obra ao alumnado do centro burelés, unha novela que trata sobre a desaparición dun rapaz de 15 anos e coa que traballan xa varios institutos da Mariña.
Cándido Paniagua
photo_camera Cándido Paniagua

O escritor e profesor de Lingua Galega Cándido Paniagua Pousa (Xinzo de Limia, 1992) presentou días atrás no IES Monte Castelo de Burela, centro no que imparte docencia este curso, o seu último libro, 48 horas, unha obra coa que traballan varios institutos da comarca e na que os protagonistas  son alumnos do terceiro curso da secundaria. Publicado no mes de xuño do pasado ano, é o segundo libro do limiés, logo de O caderno de erros, que saíu no 2018.

Cal é a trama de 48 horas?
Trata a desaparición dun rapaz durante unha excursión, nunha das típicas saídas que se fan nos institutos. A partir de aí, prodúcese unha especie de investigación que levan a cabo os propios compañeiros de Lois Figueirido, que é o protagonista. Un pouco a través da linguaxe dixital e das redes sociais, que é a maneira que temos agora de comunicármonos, van aparecendo unha serie de pistas. Non hai un detective como tal, senón que é algo coral e entre todos van descubrindo que aconteceu.

Pódese considerar novela negra?
Si, catalogárona como novela negra infantil e xuvenil. Está publicada na coleción Fóra de Xogo de Edicións Xerais.

A súa primeira novela, O caderno de erros, vai dunha investigación tras un asasinato. Pódese dicir que se atopa cómodo neste xénero?
Pois si, as dúas novelas que teño publicadas son de xénero negro. A primeira é máis policial, pero a diferenza fundamental que hai entre ambas é que unha é para adultos e a outra xuvenil. Atópome cómodo no enigma, descubrir segredos e facer unha investigación policial, como as series que están de moda agora.

Esta segunda obra si que daba para algún capítulo dunha serie

Ese xénero está de moda aquí, con varias series que fan que se fale dun Galician Noir?
Así é. Igual esta segunda obra si que daba para algún capítulo dunha serie. Estaría ben (ri). En Galicia creo que hai moito talento e agora estanse producindo moitas series que están chegando incluso a plataformas como Netflix. E moitas das novelas que se publican en castelán tamén están ambientadas en Galicia. Non sei, supoño que ao mellor ten que ver co das lendas ou porque é considerada unha terra meiga, pero parece que é un bo lugar para ambientar estas historias. Por exemplo, penso en Todo esto te daré, a obra ambientada na Ribeira Sacra coa que a donostiarra Dolores Redondo ganou o Planeta no 2016.

A súa está ambientada na terra onde naceu, na Limia.
Si, esta segunda novela ambiéntase na Limia e fago unha viaxe polas súas lendas, historia e tradicións. É a primeira vez que escribo algo sobre a Limia e penso que quedou ben para facer un percorrido histórico. O eixo principal é a investigación policial, pero aproveito para falar das torres medievais que hai na zona, que era precisamente o que estaban coñecendo nesa excursión.

O protagonista cantos anos ten?
Ten quince anos e cursa terceiro de Eso, como os rapaces aos que lles presentei a obra. Esta creada baseándose en perfís dos adolescentes de hoxe en día.

Os protagonistas están creados baseándose en perfís dos adolescentes de hoxe en día

A gran presenza das redes sociais e que todo comece nunha saída co instituto atrae o alumnado?
Penso que si. Ademais, como son seis personaxes principais –o grupo de amigos de Lois– cada lector pode verse identificado nun perfil. Está o que escoita música e pasa de todo, o que colga todo nas redes sociais ou o preocupado que estuda moito. Hai diferentes perfís.

Axudoulle a súa condición de docente para trazar estes perfís?
Si, porque mentres escribía, sen fixarme nun caso concreto, pensaba no que vía día a día no centro no que estaba ese ano.

Que tal foi a presentación cos alumnos e alumnas?
Creo que moi ben. Foi bastante dinámica e, facendo unha analoxía coa novela, provoquei que tiveran que descubrir un enigma. Non quería que fose a típica charla.

Traballa xa noutra novela ou vai tomar un pequeno descanso?
Na cabeza sempre ronda algo, pero este ano está sendo diferente e ao estar máis saturado no inverno, a cousa está máis parada.

É unha pena non coñecer A Mariña noutras circunstancias porque me falan marabillas

Que tal lle vai pola Mariña?
Pois moi ben, estou encantado coa comarca. De feito, tiña moitas conexións previas coa mesma sen eu sabelo, xente que coñecía á miña familia. E logo conexións literarias como con Antía Yáñez, que é do meu tempo. A pena é ter que coñecer A Mariña nestas circunstancias. Dá un pouco de rabia porque todo o mundo me conta marabillas das festas e de que hai moita vida e sitios para visitar. De momento non puiden ver moito polos peches perimetrais.

E ademais este 48 horas está tendo boa aceptación nos centros?
A verdade é que si porque creo que están traballando con el os dous institutos de Burela, o de Xove e tamén, antes incluso de que chegara eu aquí, no María Sarmiento de Viveiro. Pasarei presentalo por algún deles proximamente.

Más en A Mariña
Comentarios