Barreiros acollerá en agosto un campus do Celta de Vigo dirixido a nenos

Celebrarase  nos campos de fútbol do Cascabeiro e As Valgas
Presentación do campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo, este mércores no concello de Barreiros. EP
photo_camera Presentación do campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo, este mércores no concello de Barreiros. EP

Germán Arteta e Manu Gómez, director e coordinador da Fundación Celta, respectivamente, a alcaldesa  Ana Ermida e o concelleiro de deporte Daniel García presentaron este mércores o primeiro campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo que se celebrará do 2 ao 6 de agosto nos campos de fútbol do Cascabeiro e As Valgas, segundo informou o Concello de Barreiros.

O campus está dirixido a rapaces de entre 4 a 16 anos do municipio ou de fóra del. A cota de participación é de 132 euros e 127 euros no caso do segundo ou sucesivos irmáns. Para as nenas e nenos empadroados en Barreiros a data 1 de xaneiro deste ano, o custo será de 100 euros en calquera caso, aportando o Concello a diferencia de matrícula con respecto á cantidade xeral marcada pola organización.

Segundo Dani García "o campus pretende ser a actividade futbolística de base referente en toda a Mariña no mes de agosto e está aberta a crianzas das distintas localidades ou visitantes que se atopen nesas datas na zona".

Ana Ermida destacou "a importancia de contar con actividades deportivas de base no municipio que axuden á educación saudable das nenas e nenos e nos valores que se deben transmitir na práctica deportiva, polo que agradece a aposta dun equipo referencia no noso país por celebrar en Barreiros un dos seus campus".

Desde o Concello de Barreiros agradecen a colaboración dos dous equipos de fútbol do municipio, Celta Barreiros e Iberia, que colaboran co evento coa cesión das instalación para dito campus e agardan que esta actividade sexa o inicio da colaboración entre distintas entidades para poñer en valor o deporte de base en Barreiros.

Más en A Mariña
Comentarios