
Este luns queda aberta a campaña extractiva da centola e o boi na Mariña luguesa, segundo informou a Consellería do Mar, que dá luz verde á recollida destas especies na zona que vai de Estaca de Bares ao río Eo, ría de O Barqueiro incluída.
Deste xeito, a frota dedicada a estas especies poderá saír a faenar xa ao longo da madrugada do luns e levar as capturas para a súa venda nas lonxas na mañá.
Quedará así aberta a campaña para todo o litoral galego, xa que a extracción na costa coruñesa e nas Rías Baixas está autorizada desde o 9 de novembro.
A campaña manterase aberta, tanto na zona norte como sur, ata que o determine o correspondente plan de xestión.
A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, ao cal se engadirán 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo.
Poderán participar na campaña todas as embarcacións con artes menores e con porto basee en Galicia, así como aquelas que teñan porto basee noutras comunidades autónomas pero conten con permisos especiais de pesca para faenar en augas galegas.