Cambio nas San Lucas

Miguel Souto deixa a presidencia da asociación que organiza as festas mindonienses despois de 10 anos e ponse á fronte Miguel Paz
Souto, entre Elena Candia e o periodista Jenaro Castro, nun pregón. AEP
photo_camera Souto, entre Elena Candia e o periodista Jenaro Castro, nun pregón. AEP

"Teño o total convencemento de que As San Lucas de Mondoñedo conforman a mellor imaxe coa que a nosa cidade se presenta ao mundo. Son feira, son festa, son arte, son cultura e, por suposto, son tradición. 866 anos de historia ininterrumpida dende 1156". Con estas verbas inicia Miguel Souto, ata agora presidente da asociación As San Lucas de Mondoñedo, encargada de organizar As San Lucas e As Quendas, a súa carta de despedida da presidencia.

Souto forma parte da asociación dende a súa creación e exerceu como presidente durante dez anos: "Unha década na que traballei e traballamos co compromiso que implicaba estar ante a organización do que considero o espectáculo etnográfico máis importante de Galicia e un dos que conta con máis tradición en Europa".

O xa expresidente das San Lucas recorda o traballo destes anos nos que este festexos trascenderon á provincia e evolucionaron con novas actividades sen perder o cabalo como epicentro das feiras. "Evolucionamos ao longo destes anos a través de programas que engrandeceran e potenciaran as nosas feiras, mantendo sempre a súa esencia: o cabalo como epicentro, ao mesmo tempo que sumábamos novas actividades culturais, literarias e artísticas", indica. Tamén subliña que incluso durante a pandemia se seguiron celebrando adaptándose ás circunstancias.

Souto indican que xa ten tomada esta decisión dende 2020, pero "por responsabilidade" non a materializou ata pasada a pandemia. Foi en xuño cando comunicou a súa decisión de xeito interno e seguiu exercendo ata que a semana pasada se aprobou a nova directiva. "Despídome desta función coa satisfacción de darlle o mellor de min ás San Lucas», asegura, "compráceme ceder o posto deixando unha asociación organizada, ao día e con recursos para aforntar as vindeiras San Lucas". "Por suposto tamén pido desculpas ante os erros que puidese ter, foron sempre buscando o mellor para as festas e Mondoñedo".

Nesta despedida, Souto tivo palabras de agradecemento para os veciños, visitantes, comerciantes e turistas "por crer, apoiar e desfrutar das San Lucas", así como para todas aquelas persoas coas que se atopou ao longo destes anos e coas que traballou "para que cada 18 de outubro Mondoñedo volva a ser a capital que foi no Antigo Reino de Galicia".

"E, por suposto, deséxolle o mellor aos meus compañeiros que asumen agora esta responsabilidade, coñecedores da importancia das San Lucas e implicados con estas festas dende xa fai anos. Para eles, que veñan os maiores dos acertos no seu camiño, que permitirán que As San Lucas continúen a ser un referente europeo", di.

NOVA DIRECTIVA. A nova directiva das San Lucas está presidida por Miguel Paz, ata o de agora secretario. O novo vicepresidente é Miguel García, que era o tesoureiro; como secretaria exercerá Bea Paz e como tesoureira María José Oriola. Manolo Tapia, Modesto Díaz e Elena Freire son vogais, xunto a Miguel Souto que continuará o seu traballo no colectivo dende este novo posto. "O que se fixo foi redistribuir os cargos da xente que xa estabamos na directiva", explicou o novo presidente, que engadiu que entrará xente nova para colaborar.

A asociación xa está preparando con ilusión e moitas ganas as feiras deste ano que serán entre o 14 e o 20 de outubro. Polo de agora aínda están traballando no programa, pero o que xa avanzan e que si haberá a comida de maiores.

Comentarios