"A caída da auga no Pozo da Onza sempre me pareceu hipnotizadora"

Suso Rubio, técnico da oficina de xuventude do Valadouro, elixe este punto do municipio como o seu recuncho na comarca
suso internet
photo_camera Suso Rubio, no Pozo da Onza. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Ruta dos Pozos é un percorrido obrigado para os amantes da natureza e do sendeirismo no Valadouro. Formando parte desta ruta atópase o Pozo da Onza, unha fervenza duns 15 metros de altura que forma a caída do regato de Val dos Infernos e que é o recuncho particular de Suso Rubio, técnico da oficina de xuventude valadourense e un apaixonado da fotografía. "Ao mellor non é unha fervenza tan alta coma outras pero a contorna é moi agradable e a caída da auga sempre me pareceu hipnotizadora", asegura Suso, que subliña que agora neste tempo é cando está máis bonita "porque con máis auga, máis espectacular".

Os motivos que levan a Suso a elixir esta fervenza como o lugar máis bonito do Valadouro son moi sinxelos: "Estar nesa contorna co balbordo da auga caendo sobre o pozo é moi relaxante e é un lugar que ten moito encanto para fotografar".

Ademais disto, Suso garda na súa memoria a excursión que fixo de cativo cun grupo de amigos á fervenza. "Fomos andando e pasamos alí todo o día", conta, "ata tiveron que ir buscarnos nosos pais porque estaban preocupados, pero para nós foi un día estupendo e unha aventura formidable".

O Pozo da Onza foi un dos primeiros recursos turísticos do Valadouro, non só pola súa beleza senón tamén porque ten un acceso moi cómodo. "Está ao lado de Ferreira e incluso cando non estaba enfocado ao tema turístico se podía acceder de xeito sinxelo", indica, "agora xa está marcada a Ruta dos Pozos e está todo ben sinalizado e incluso se
se quere ir só a este pozo tamén se pode deixar o coche na estrada vella de Ferreira e en dez ou quince minutos estás nel a pé sen ningunha complicación", explica Suso.

A Ruta dos Pozos da que esta fervenza forma parte sae dende a ponte de Tras do Río ata A Portela e de alí por un camiño de pescadores ata o Pozo das Moscas e camiñando por un monte de árbores autóctonas chégase ao Pozo da Onza.