"O Cadramón é para min o mellor lugar do mundo"

Cristina Fernández Rey ten no Fontao o seu paraíso particular no Valadouro
Cristinainternet
photo_camera Cristina Fernández Rey no Fontao, no Cadramón. EP

O seu nome é Cristina Fernández Rey, pero todos a coñecen como Cristina do Cadramón e así é como lle gusta que a recoñezan porque vive namorada do lugar onde naceu. "O Cadramón para min é o mellor lugar do mundo", asegura sobre esta parroquia do Valadouro. Ela é do lugar das Folgueiras, "na parte de abaixo do coto de Cadramón, o último barrio hacia Abadín, na zona máis alta" e será por iso de nacer alí que o punto exacto elixido no Cadramón coma o seu favorito é O Fontao, "desde onde se aprecian todos os cumios". 

Non escatima en eloxios á súa parroquia: "Como enclave natural é único na zona, de feito conserva unhas das turbeiras de cobertor máis importantes de Europa", destaca e subliña que vivir na zona "é un privilexio» día a día, aínda que coa pandemia que nos tocou vivir viuse moito mellor o que significa vivir nun sitio así". Recoñece que é un lugar apartado, pero tamén que hoxe en día "está preto de todo" e ademais nel gárdanse estilos de vida que imprimen un carácter especial en quen os habita. "Tanto eu coma miña irmá criámonos nuns valores que aprecian a agricultura e a gandeiría, da que vivían nosos avós, e na miña casa seguimos tendo animais", asegura e destaca a importancia de que se manteña gando no monte "para a conservación da serra do Xistral".

Esta serra é un paraíso natural e paisaxístico que da para moitas olladas e para mirar máis dunha vez. Cristina destaca tamén "as vistas dende o pico do Coto nas que se ve todo o Xistral e incluso a cheminea da central das Pontes nun día claro". E na falda da serra, entre os concellos do Valadouro e Alfoz, está a fervenza do Escouridal "outro lugar moi bonito". 

Pero esta terra onde o poder da natureza é indiscutible, tamén agocha outros pequenos tesouros inesperados como a capela de Santa Filomena, "unha das máis antigas da comarca". Datada no século XI, a capela é un dos primeiros exemplos do románico rural galego.  Foi construida cunha donación do rey Ordoño. 

Comentarios