"Un cachalote e un tiburón balea son os que máis me impresionaron"

Puido captar nas Azores momentos únicos con grandes cetáceos que se poderán ver na
exposición que abre o venres en San Cibrao, como estar a menos dun metro dun cachalote que
acababa de papar unha lura xigante ou sentirse ignorado por un tiburón balea de dez metros.
Anxo Cao. LAURA GONZÁLEZ
photo_camera Anxo Cao. LAURA GONZÁLEZ

Anxo Cao, veciño de San Cibrao, estudou Bioloxía e fixo Erasmus nas Azores, onde despois empezou a traballar en empresas de avistamento de cetáceos. Tamén é fotógrafo e inaugura este venres ás sete da tarde no auditorio da casa da cultura sancibrense a mostra ‘Azores somerxida’, moi vinculada ao seu labor profesional.

En que consiste o seu traballo?
Traballo como biólogo e guía na empresa de Futurismo Azores Adventures, nas saídas ao mar, onde lle vas explicando ás persoas os animais que vemos e os seus comportamentos. Foi alí onde empecei a profesionalizarme máis coa fotografía, aproveitando as oportunidades que che dá ver estes animais todos os días.

A afección pola fotografía viña de antes?
Sempre me gustou a fotografía e gustábame ir sacarlle fotos aos insectos cerca da casa, ou ás cousas que aparecían na praia cunha cámara pequena que me comprou meu pai. Penso que el soubo ver antes ca min que me gustaba fotografar a natureza.

En que momento decide facer foto artística a partir do seu traballo?
Saír todos os días ao mar en Azores dáche a opción de ver animais que non son fáciles de ver en xeral, e querer capturar eses momentos fixo que fora mercando e mellorando o material fotográfico ata un punto máis profesional. As fotografías que saco son utilizadas polos biólogos da empresa para estudar estes animais, desde os patróns de migracións ata coñecer individualmente a algúns deles. Conseguir fotografías con fins científicos é mais doado, xa que o requisito principal é que estea enfocada, o de conseguir unha foto máis artística e que che faga pensar na beleza do ambiente e do animal, xa é outro tema.

É complicado facer fotos no medio mariño? Como se integra cos animais?
Sacar fotos de cetáceos desde unha embarcación sempre é un reto. Temos que pensar que estes animais necesitan respirar, pero normalmente non asoman máis que o espiráculo para facelo, polo que conseguir fotografías onde se vexa a beleza dun animal que case sempre está debaixo da auga é complicado. Nos últimos anos empecei coa fotografía subacuática, o que che dá outra perspectiva xa que entras literalmente no seu mundo. Aínda que non son todo marabillas, pois para entrar na auga cos animais necesitas licenzas do goberno, embarcacións preparadas para iso, e o máis importante: que os animais queiran interactuar contigo. É moi doado para eles cambiar un pouco de rumbo e que non consigas case nin velos, e moito menos conseguir unha boa fotografía.

Expoñer é unha maneira de amosar o mundo somerxido, con animais marabillosos en perigo de conservación

Como xurdiu esta exposición?
Primeiro, ao ser de San Cibrao sempre é un orgullo estar na casa e teño que agradecerlle á alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, que apoiou e deu todas as facilidades para sacar adiante a exposición. Despois, para darlle visibilidade e mostrar ás persoas animais que non acostumamos ver e a veces nin coñecemos. Intentar ensinar un pouco dese mundo somerxido que moitas veces temos esquecido e que alberga animais que están en perigo de conservación e son realmente marabillosos e esenciais para o medio mariño. Estas fotografías tamén están á venda, e alí a xente vai poder ver como quedan cando están impresas en diferentes tamaños e soportes. Creo que a alguén que lle guste o medio mariño, ter unha fotografía para decorar a habitación ou salón pode ser interesante, ou de regalo para un amigo ou familiar.

Vai dar unha charla ao inicio, que ten pensado comentar?
Contarei as historias que hai detrás desas fotografías. Ás veces apreciamos máis unha fotografía cando sabemos o traballo que hai detrás dela, ou simplemente saber a historia do animal. Situar o lugar onde foi sacada, as condicións, algunha característica dese individuo ou desa especie. Creo que vai ser unha charla moi amena con anécdotas que poden interesar a todo o público, incluídos os nenos. Seguro que lles gusta escoitar como é estar na auga con un tiburón balea de dez metros, e explicarlles que non hai que terlles medo.

Que imaxes se van poder ver?
Haberá fotografías de golfiños, de especies que tamén podemos ver en Galicia. E haberá imaxes dentro da auga de cachalotes e quenllas. Creo que hai unha variedade de especies e situacións que poden dar unha idea da diversidade que os nosos océanos albergan e que tanta protección merecen.

Hai algunha máis especial?
Creo que o momento máis intenso que vivín e do que poderemos ver a fotografía foi estar a menos dun metro dun cachalote que aínda tiña tentáculos da lura xigante que acababa de comer a mil metros de profundidade. Imaxinar as batallas que acontecen alí abaixo, e poder ver as cicatrices na boca do animal creo que é incríbel.

Expuxo noutros lugares?
Fixen unha mostra individual e outra colectiva en Azores, e este ano estivo no Aquarium Finisterrae da Coruña outra exposición miña sobre cetáceos tamén. Aínda que non son fotógrafo de vida mariña, as mostras que fixen sempre foron sobre estes animais, tan admirados e tan descoñecidos.

Que animal o impresionou máis?
Por comportamento, a curiosidade dun cachalote en particular, o cal se sentía curioso coa miña presenza e lle gustaba aproximarse e estar arredor miña. E por tamaño e tranquilidade, creo que o tiburón balea. Pareceume un animal moi elegante e paciente, que non lle importaba o máis mínimo a miña presenza, sentirme ignorado e poder sacarlle fotos sin que mudase o comportamento tamén me gustou moito.

Comentarios