Se eu fose alcalde...

"Burela ten potencial para converterse en punta de lanza da Mariña, pero precisa un goberno responsable e con capacidade de xestión"

Manuel Rouco. EP
photo_camera Manuel Rouco. EP
Manuel Rouco
Candidato do PP en Burela
Idade: 46 anos.
Profesión: Enxeñeiro. Primeiro ano como candidato: 2019.
Afeccións: Lectura, é un cinéfilo empedernido e gústalle a música, en especial o rock.

Manuel Rouco é enxeñeiro agrícola, ten 46 anos e vive en Burela onde desenvolve a súa actividade profesional relacionada coa dirección e execución de proxectos de infraestruturas en diferentes ámbitos. É o presidente da agrupación local do PP en Burela, o actual portavoz do grupo popular na corporación municipal e liderará a candidatura deste partido no seu municipio para "facer de Burela a punta de lanza da Mariña", pero, sobre todo, para "formar un goberno eficaz e que, á hora de tomar decisións, teña en conta aos veciños da nosa vila e as súas necesidades".

"O noso é un proxecto de presente e futuro para Burela", asegura. "Queremos traballar para construír unha vila de oportunidades para os máis novos, con atención para maiores e todas aquelas persoas que o precisen e, por suposto, contribuír á dinamización da actividade económica, social, cultural e deportiva da vila", engade o alcaldable.

"Agora mesmo Burela está perdendo poboación e servizos debido á falta de solo para o asentamento de empresas e á pésima xestión municipal como se pode apreciar en cuestións coma a nula vontade de modificar a normativa urbanística para a construción de vivendas, a suba de impostos ao comercio e á hostalería ou na mala calidade da limpeza viaria a pesar do incremento do seu custe", segundo cita como exemplos.

O candidato popular á alcaldía quere facer de Burela "unha vila da que sentirnos orgullosos e que ofreza futuro para a nosa xente". O proxecto do PP ten moi en conta o potencial de Burela, cunha ubicación estratéxica no centro da Mariña e onde se sitúa o centro hospitalario de referencia da comarca. Incide tamén na importancia do sector pesqueiro como motor da economía local, xa que o porto de Burela é un referente a nivel nacional e internacional.

O PP presentará un programa baseado en todo lle trasladaron os veciños nas distintas reunións e actividades levadas a cabo durante os últimos catro anos nos que xa defendeu moitas propostas ante a corporación municipal pensando en mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Burela e en garantir os servizos públicos. Os seus obxectivos principais son o asentamento de poboación e de empresas e a dinamización económica e social.

Asentar poboación

O concello de Burela ten posibilidades de medrar en poboación se logra asentar na vila a aquelas persoas e familias que desenvolven maioritariamente a súa actividade diaria aquí. "É imprescindible construír un concello de oportunidades que resulte atractivo para atraer familias. Debemos ofrecer servizos e actividades e, sobre todo, facilitar a construción de vivendas a aqueles que se queiran asentar na vila para evitar que elixan concellos limítrofes", di Manuel Rouco, que lembra que "a modificación do planeamento urbanístico está paralizada".

O candidato popular á alcaldía considera "fundamental" dotar a Burela de espazo para asentar empresas para evitar que se marchen para outros municipios limítrofes. Igualmente, defende políticas de apoio ao comercio local, ás pequenas e medianas empresas e aos emprendedores. "Somos un pobo aberto, no que convivimos persoas con distintas raíces, con moita xente nova, con talento e ben situado na comarca. Son tamén moitas as iniciativas innovadoras que se dan en Burela e que se deben apoiar", afirma.

Dinamización económica e social

A dinamización económica e social da vila tamén é prioritaria no proxecto do Partido Popular. De feito, Manuel Rouco aposta por "un Concello que volva liderar a actividade social da vila implicándose directamente nos eventos que se celebran ao longo do ano; ademais de ofrecer os servizos que están na súa man para apoiar aquelas actividades organizadas polos numerosos colectivos de distintos ámbitos cos que conta a vila".

Este candidato engade que "o PP aposta por acoller grandes eventos en Burela para converter a vila no centro da actividade social, cultural, deportiva e gastronómica durante varias fins de semana ao ano".

Así mesmo, Rouco sinala tamén que "Burela xa é un referente no ámbito do deporte grazas ao fútbol sala, especialmente o feminino". E engade que "temos que traballar por garantir o acceso de todos e todas ás distintas modalidades deportivas".

Os servizos sociais

A atención aos veciños é fundamental para o Partido Popular. E, polo tanto, tamén a prestación de distintos servizos sociais cos que velar pola saúde, o benestar e o desenvolvemento social dos bureleses.

O candidato popular aposta por "recursos residenciais para persoas vulnerables e en situación de emerxencia social, pola reubicación dos servizos sociais municipais para garantir a intimidade dos usuarios e por un reforzo no Servizo de Axuda no Fogar complementado con servizos de fisioterapia e podoloxía a domicilio, con máis persoal e cunha resolución inmediata das solicitudes dos usuarios".

Rouco explica que o PP defende "un pobo inclusivo e accesible para todos" e, tendo en conta que Burela é "un municipio multicultural", un goberno que "afonde nas medidas para garantir a plena integración".

PROXECTO. Traballo, escoita e xestión eficaz
O proxecto do Partido Popular está baseado no traballo, o diálogo dende a escoita activa e unha xestión eficaz. "Non se pode gobernar para os veciños sen telos en conta", avanza o candidato á alcaldía. Nese sentido, Rouco explica que "non queremos vender fume, senón xestión. Tampouco queremos facer promesas que non pretendemos cumprir, senón traballar por facelas posibles". Algunhas das numerosas propostas presentadas polos populares nos plenos durante este mandato foron: diminuír impostos e taxas municipais, solucionar a situación de Torrentes, reubicar o mercado semanal que está a provocar perdas tamén no comercio local, sacar o tráfico pesado da vila ou desenvolver talleres de memoria e servizo de fisioterapia a domicilio.