Unha burelá impulsa un proxecto único en Galicia

Ana Fraga e a pontevedresa Andrea Rey logran un premio Eduemprende cun laboratorio de anatomía patolóxica veterinaria

Ana Fraga no laboratorio de Anatomía Patolóxica do IES Montecelo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Ana Fraga no laboratorio de Anatomía Patolóxica do IES Montecelo. GONZALO GARCÍA

Ana Fraga Fraga (Burela, 1977) rematou o pasado curso o Ciclo Superior de Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico no IES Montecelo (Pontevedra). O pasado mes de decembro, xunto á súa compañeira Andrea Rey Golobardas, acadou o segundo premio do concurso Eduemprende Idea 2018, promovido pola Consellería de Educación e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), polo seu proxecto ProcessVet SL. Conseguiron 2.000 euros e o asesoramento necesario para converter en realidade esta idea, que xurdiu como un traballo para a materia de Empresas.

Andrea, pontevedresa de 22 anos, decidiu seguir adiante cos seus estudos en Ourense, pero Ana está traballando para poñer a empresa en marcha na súa vila natal. Trátase dun laboratorio de anatomía patolóxica veterinaria que se crea para dar apoio a este tipo de clínicas, que poden enviar biopsias, citoloxías ou necropsias de animais de compañía ou de granxa para ser analizadas co fin de dar un diagnóstico fiable coa maior brevidade de tempo posible por vía telemática. Ata o momento, destaca Ana, non hai ningunha empresa coma esta en toda Galicia. O investimento ascende a 30.000 euros.

Andrea Rey Golobardas e Ana Fraga na entrega de premios Eduemprende, celebrada o pasado mes de decembro. CEDIDA
Andrea e Ana na entrega de premios Eduemprende, celebrada o pasado mes de decembro. CEDIDA
 

A primeira idea para o traballo de clase era unha fábrica de elaboración de batas que repelesen a auga, pero decatáronse de que non sabían facer as facturas e descartárono. Foi entón cando o seu gato Pepo fixo que a Ana se lle acendera a bombilla. "Eu recollera un gatiño na rúa, moi enfermiño, cun quiste nun oído. O meu primo, veterinario, quitoulle o pólipo e pregunteille aos meus profesores se podería analizalo aquí", no instituto, porque na clínica veterinaria "non analizan ese tipo de cousas, téñeno que mandar a un laboratorio externo. E entón díxenlle a Andrea: Por que non poñemos un laboratorio de anatomía patolóxica?". Miraron e remiraron "e a nosa sorpresa foi que cando imos á Xunta ver que condicións tiña que reunir o local do laboratorio atopámonos con que non había ningún en Galicia". Nas clínicas veterinarias non teñen nin os aparellos nin o tempo necesarios para procesar mostras dese tipo.

Entón, lembra, "empezáronnos a dicir que se o poñiamos nós iamos crear un precedente autonómico e mesmo nos chegaron a dicir, non sei se é certo, que polo noso laboratorio poderían regularse os que viñeran detrás".

Os laboratorios actuais son de análises clínicas que tamén fan algo de anatomía patolóxica, pero non existen como tal. "De veterinaria non hai ningún e non hai nada regulado".

As dúas alumnas presentaron ProcessVet na materia de Empresas e non só lograron unha nota de 9,75, senón que a súa profesora as animou a presentar o proxecto a Eduemprende. "O non xa o tiñamos e a nosa sorpresa foi que gañamos o segundo premio. Orgullosísimas". O día da entrega de premios, en decembro, causaron sensación na Cidade da Cultura. "Levamos un stand cun microscopio e unhas mostras, merchandising... Despois da entrega de premios as autoridades viñeron preguntar. A nosa sorpresa foi que a propia conselleira veume pedir que lle explicara detalles do proxecto" e no Igape ofrecéronlles todo tipo de facilidades e animáronas a pedir as subvencións correspondentes: 20.000 euros por cada autónomo dado de alta (ela, no seu caso) e outro tanto por cada empregado con contrato indefinido. "Eu teño que fichar un anatomopatólogo que diagnostique, ten que ser un licenciado". Se o investimento oscila entre os 20.000 e os 30.000 euros pode optar a 12.500 euros máis. "Con iso chégame para empezar", aínda que as máquinas son "carísimas".

DESPOIS DA CRISE. A intención é abrir o laboratorio para realizar diagnóstico histolóxico (biopsias), citolóxico e necrópsico, aínda que tampouco descarta ofrecer análises clínicas e de augas a medio prazo. "Ata estou pensando facer o ciclo de Laboratorio. Gústame moito aprender".

Ana desborda ilusión e entusiasmo por esta nova etapa da súa vida, que iniciou volvendo ás aulas despois de rexentar unha mercería durante dez anos. A crise acabou co negocio e animouse a estudar Enfermería, pero nas prácticas descubriu que non era o seu. Despois de tres anos traballando na hostalería, logrou aforrar para empezar a cumprir o seu soño.

Empezou o CS de Anatomía Patolóxica no instituto privado Aloya, de Vigo, pero cambiou de centro para poder acceder a prácticas no Imelga. A casualidade levouna a matricularse no IES Montecelo para rematalo. "Foi a mellor elección que fixen, porque mellor instituto ca este non o hai", con docentes "excelentes" e un inmellorable trato cos alumnos. "Eu, desde logo, funme de aquí con amigos, non con profesores".

Comentarios