O celeirés Bruno Díaz Fernández ten afección polas pombas mensaxeiras dende cativo. Agora ten 66 para voar e 24 de cría —doce parellas—. "De xaneiro a xuño crío e póñolles unha argola da federación co ano, número de serie e país", explica. Dende pichóns sácaos fóra adestrar e asubíalles para que volvan: "Como teñen asimilado o asubío coa comida entran ao pombal. En marzo e abril xa voan dunha hora a dúas e media".
O clube encesta as aves nun camión ata un punto onde as soltan para que volvan ao pombal. Tense en conta a distancia e o tempo para determinar a gañadora. Ao chegar quítanlle a argola de goma e marcan no reloxo analóxico ou pasan o microchip para rexistralo no dixital. Bruno envía 30 ou 35 ás primeiras soltas e logo queda coas que mellor responden. A que máis lonxe chegou, volveu dende Villatobas (Toledo).
Cría unhas cen ao ano, pero van a menos, pois hai moita ave rapaz e ten moitas baixas, outras chegan feridas e hai que recuperalas. As pombas mensaxeiras sempre intentan volver ao seu pombal: "Vaiselles abrindo o instinto cos adestramentos, nas competicións empezan en 200 quilómetros, que fan en máis de dúas horas. Hai pombas de velocidade, de medio fondo e de gran fondo. Hainas moi lentas en distancias curtas, pero que responden mellor nas longas".
As pombas yarling son máis explosivas e fan distancias curtas. "Con máis dun ano son máis seguras, as yarling fallan máis fácil nas soltas duras que as veteranas", explica. Nos adestramentos ás veces entran no pombal errado e envían aos compañeiros mensaxes como: "Imos facer un guiso con ela". "Entran porque son inexpertas ou se senten ameazadas polo falcón, pero só lles pasa ao principio".
Bruno fixo o seu pombal alzado do chan cunha reixa metálica e forrado con tabla de pino, con poliéspan de 4 milímetros e falso teito. Agora o amañou para que teña boa ventilación. "Teñen o seu baño semanal con sales e no voadeiro teñen auga tibia. Cada un trata de telas o mellor posible para intentar gañar, aínda que aquí é moi difícil porque a montaña que temos é dificultosa de atravesar e teñen máis desgaste físico. Teñen que lidiar tamén coa néboa e coas aves rapaces. Algunha non volve, desoriéntase ou accidéntase".
Dende neno tivo afección á colombofilia e a competir coas pombas en voos, pero foi en 2016 cando montou o pombal e se federou. As pombas mensaxeiras son unha raza que ten unha orientación innata para volver a casa. Tamén ten cabras cruzadas de boer, unha egua standard bed, cans de caza e un pastor alemán.