Un boi de raza galega que bate récords

O mundo rural como fonte de riqueza rexorde co gallo da pandemia do covid, pero algunhas persoas levan anos apostando por el, como é o caso de Pepe do Chacino, un veciño de Xove que ten unha explotación modélica de vacún de carne
BUEYES EN SU CUADRA EN UNA EXPLOTACION  DE GANADO PARTICULAR DE XOVE- FOTO JM ALVEZ
photo_camera José Louzao amosa o impoñente boi Líbano. JMª ÁLVEZ

A gandería require atención os 365 días do ano como ben saben os que se dedican a ela, aínda que vivir do sector sexa cada día máis complexo. Unha explotación que chama a atención polos seus exemplares é a que mantén José Louzao Quelle, en Xove, coñecido por todos como Pepe do Chacino, nome que leva a súa casa dende hai anos. El está xubilado, polo que a gandería está a nome dunha das súas fillas e o seu neto, de tan só 16 anos, é o que dirixe os pasos da explotación.

Pepe acabou por vencellarse á tradición familiar, aínda que a súa verdadeira ilusión era dedicarse ao mar. Exerceu moitos anos de carniceiro con dous establecementos en Celeiro (Viveiro) e en Burela. O gando de raza galega ou cruzado con blonde serviulle para abastecer eses negocios ata o seu retiro. Hoxe en día segue a coidar dos animais, agora por afección, cada día recolle herba para eles e dálles de comer.

O seu gando de carne servía para abastecer as carnicerías que o criador xovense rexentaba en Celeiro e en Burela

A casa do Chacino conta na actualidade con varios bois de grande calidade, entre os que destaca un excepcional. Chámase Líbano, pesa uns 2.100 quilos e ten seis anos de idade, polo que cando sexa o momento da súa venda, dentro duns dous anos podería batir algún récord. Pepe di que "non é fácil" que un animal acade semellante peso, "os que ves nas feiras pesan entre 1.500 e 1.600 quilos", explica.

O seu porte e a súa constitución abraian a propios e estranos, que se achegan a velo dende distintos puntos da comunidade galega. Non é para menos, dende logo. A xenética da súa explotación, de raza galega, ben merece un recoñecemento. De feito, conta que ten varias vacas que obtiveron o segundo premio no concurso internacional de Salamanca, onde se xuntan exemplares de toda España, Portugal e Francia.

Varias vacas da explotación de Casa Chacino obtiveron o segundo premio no concurso internacional de gando de Salamanca

COIDADOS. Pepe saca o boi da cuadra cunha corda para amosar un exemplar tan asombroso, que acariña con orgullo. De inverno, a súa alimentación baséase en millo triturado, ensilado, xunto cunha especie de reigrás, "collo un carro del todos os días", sinala e polo verán come herba verde e millo. A normativa galega di que os animais deben alimentarse co que se produza na explotación.

O xovense di que os outros bois que ten na corte "van ser máis grandes, pero nunca van pesar coma este". Ao entrar a velos, comenta que teñen 2, 3 e 4 anos. Do máis novo di que vai ser meirande que Líbano e que é da mellor vaca que ten, a cal anda polos 800 quilos canal, segundo di. "Todos teñen liña de vida, son moi altos, moi zancudos e teñen que ser estreitos, coma os touros, para que cando están engordando non boten a graxa toda xunta, e que infiltre na febra, que a bote polo medio, porque os queren infiltrados", alecciona Pepe sobre os tres bois que amosa na zona do cebadeiro. O máis teixo é fillo dunha vaca de leite grande do país cruzada con blonde e os outros dous son tamén cruce de raza galega coa francesa blonde.

O criador explica que "agora están pasando fame, pois dáselles normalmente para que desarrollen, non para que engraxen". Nese intre colle un caldeiro e saca penso do silo, ante o que arrodillan para comer con ganas. "Gústalles porque non o toman a cotío, o verde téñeno a pracer".

A maiores ten outros dous pequenos e encargou outro par de raza cachena. Por lei teñen que capalos todos antes dos oito meses, agás que vaian para sementais, para o que tamén conta con algúns, un nado hai uns días dun embrión traído de Francia, que custou 800 euros.

SACRIFICADO. Pero o coidado do gando non só dá satisfaccións, pois tamén ten os seus riscos e gastos, segundo comenta queixándose de que "non vale nada. Isto é como o que lle gusta o fútbol, como o socio dun equipo que gasta nel e os beneficios levaos o directivo e os outros", compara. "Aquí tamén levaraos o hotel ou outros e nós sacrificámonos a cambio de nada", lamenta.

"O que leva un animal destes despois de compralo normalmente faille publicidade, os restaurantes venden alomenos 30 chuleteiros só del", sinala. Líbano está capado dende que tiña 13 meses, entón aproveitaron para sacarlle pagüelas para semillar porque lles dixeron que serían de fácil parto ao ser longo, estreito e de pouco óso", describe.

Esta explotación xovense chegou a ter 50 reses adultas e unhas 100 menores cando Pepe aínda rexentaba a carnicería, que se abastecía da mesma. "Agora só temos unhas poucas vacas para criar e algunha para vender". O seu gando sempre foi para producir carne. "Tiña un matrimonio empregado para mantelos", sinala.

BUEYES EN SU CUADRA EN UNA EXPLOTACION  DE GANADO PARTICULAR DE XOVE- FOTO JM ALVEZ

O lobo mermoulle as cabras que mercara para limpar as súas fincas

O xovense José Louzao di que lle gustaría falar cos ecoloxistas, debido a que o lobo mermoulle de xeito considerable o número de cabras que mercara para ter nás súas fincas e que contribuisen á súa limpeza. Lembra que o seu neto lle dixo que quería ter unha cabra e que lle comprou unha, que trouxo cabritiños; logo faloulle dunha que daba 6 ou 7 litros de leite e comprouna por internet. O animal chegou preñado, pareu un só exemplar que criaron para semental e despois fixéronse con outro de orixe francés. "Tiñamos unhas cabras moi boas, aos seis meses pesaban uns 20 quilos normalmente", lembra.

Todo ía sobre rodas ata que polo mes de xaneiro deste ano apareceu o lobo e faltáronlles once cabritiños, pero tamén lles matou un castrón e varias cabras máis. "Deron en comelas, normalmente as preñadas que eran as que máis rápido collían". Isto fixo que só botase tres ou catro horas ao día as que se lograban e despois gardabaas. Seguiu así ata que os lobos empezaron a vir por elas de día e levarlles os cabritos, polo que venderon parte delas, incluido un castrón que pesou 103 quilos. Pepe di que ata os veciños estaban ledos porque limpaban os montes.

O xovense tamén se queixa da gran cantidade de corvos. "Hai meses que se contan 150 ou 200. Este ano tiven que botar o millo tres veces". Solicitou permiso para poñer un canón de petar co obxectivo de espantalos, pero algún veciño queixouse. A Garda Civil acodeu xunto del e explicoulles que tiña autorización, polo que dixéronlle que seguise poñendoo, pero para non molestar moito só o usa unha hora ou dúas. O millo tamén lles gusta aos xabaríns, contra os que colocou un pastor eléctrico.

Pepe asegura que lle gustaría falar cos ecoloxistas, porque "gústalles que haxa lobos, pero se non lles gusta ver sufrir aos animais non deben botalos cerca das cabras ou dos cabalos, porque comenos en vida, iso sí que é un sufrimento para os animais e para os seus donos, que son quenes máis lles queren. Se queren lobos que pechen unhas montañas, que solten alí cantidade, que compren esas propiedades e que os alimenten. A min gústanme os animais, pero velos sufrir non".Pensa que moitos ecoloxistas o son polas subvencións e que poucos teñen animais.

Grande venda de carne e compras nos mercados
Pepe comenta que cando veu o Ive empezaron a escasear moitísimo os xatos, polo que ía aos mercados a Melide, Sarria ou Becerreá. A todos os sitios e ás feiras, xunto cun irmán que tiña, para comprar gando, porque daquela vendíase moita carne. Pepe do Chacino tamén mercaba moito por Meira e Vilalba nas fins de semana e logo daballe unha nota ao Bigotes, un tratante do concello, para que llos fose buscar no camión pola semana. A súa dona foi quen o convenceu de mercar vacas.

Tradición
A tradición de mercar gando herdouna do seu pai, que compraba para Manuel Fernández. Entón levabase dende o Vicedo ata Ribadeo para Lugo e enviabase en tren para Barcelona.

Comentarios