BNG e PSOE de Barreiros, dispostos a reeditar o bipartito

Ana Ermida e Carmen Veiga sentaranse nuns días para falar sobre a reedición do pacto de goberno no concello e as dúas recoñecen que non debera de ser complicado chegar a un acordo "pola boa sintonía e o bo funcionamento" anterior
Veiga e Ermida (centro e dereita), nunha visita no Concello de Barreiros. AEP
photo_camera Veiga e Ermida (centro e dereita), nunha visita no Concello de Barreiros. AEP

As candidatas do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista á alcaldía de Barreiros e integrantes do bipartito que dirixíu o goberno nos últimos catro anos parecen deixar claro que esa modalidade se vai repetir nos vindeiros catro anos. Aínda que ningunha das dúas puxo polo de agora unha data concreta, si recoñeceron ambas que "no transcurso duns días" manterán unha reunión para confrontar as súas visións do que teñen que facer e de como poder afrontar de novo un goberno de coalición co que repetir unha coalición que, segundo as dúas, "funcionou moi ben durante estes catro anos".

A alcaldesa, Ana Ermida, admitía que os resultados "non foron os que agardabamos" porque considera que non reflicten "o gran esforzo que se fixo nestes catro anos de goberno". Con todo, si que se amosa satisfeita "de poder reeditar o goberno nun contexto moi complexo". 

Refírese a que baixo o seu punto de vista "estas elecións municipais foron moi atípicas, e dame a sensación de que se desenrolaron baixo unha premisa distinta do que soen ser unhas elecións locais. Vistos os resultados a nivel xeral, non só en Barreiros, todo parece indicar que se votou máis a nivel xeral, como voto de castigo ó Goberno central, que en clave local. Iso, ademais de que houbo unha campaña tremenda e moi agresiva da dereita e da extrema dereita. Así que nese contexto conseguir aguantar o goberno entendemos que está ben, aínda que en realidade sabemos que o resultado concreto de Barreiros non sexa, como digo, o que agardabamos".

A concelleira socialista tamén pensa que o contexto xeral se puido deixar notar en Barreiros e tamén admite que os resultados "están algo por debaixo das nosas expectativas, porque pensabamos que podíamos subir máis".

Pero Veiga tamén di que non terán problema para reeditar un bipartito "que funcionou ben. Coordinámonos ben, traballamos ben xuntas e temos proxectos que queremos sacar adiante".

Más en A Mariña