O BNG denunciará ante a UE a ausencia de saneamento no porto de Celeiro 

A europarlamentaria Ana Miranda visitou este venres A Mariña

Ana Miranda. BNG
photo_camera Ana Miranda. BNG

A europarlamentaria do BNG Ana Miranda, de visita este venres pola Mariña de Lugo, adiantou a súa intención de levar ao Parlamento Europeo e ante a comisión "o estado da estación depuradora de Celeiro (Viveiro), que foi adxudicada con fondos Feder" e cuxas obras aínda non se iniciaron. 

A nacionalista alertou do "grave problema" que isto supón, "polo impacto que poida ter esa obra non feita para os bancos marisqueiros e pesqueiros", por iso é polo que vaia manter unha reunión coa xunta directiva do porto de Celeiro. 

A denuncia ante a UE prodúcese "en base ao incumprimento do saneamento, porque Viveiro xa foi advertida como unha das vilas do Estado español que non cumpriu o saneamento en tempo e, por tanto, o que se trata é que a Xunta e o Estado realicen os seus compromisos orzamentarios de concluír o saneamento", dixo a europarlamentaria. 

Miranda apelou a unha normativa europea "de tratamento de augas residuais" e avisou de que "se Galicia ten adxudicado ese proxecto e non se está gastando" haberá "que actuar". 

A denuncia formalizarase "na comisión de peticións do Parlamento Europeo, unha pregunta parlamentaria á comisión e, despois da resposta da Comisión Europea", estudarase "a posibilidade de lanzar unha denuncia ante o comité de peticións do Parlamento, pola mesma razón da ría do Burgo". 

"Se hai orzamento, por que non se executa por parte do goberno galego?. Hai unha obra que debería de estar realizada antes de 2020 e aínda non empezaron", apostilou.

Comentarios