"Mandándonos un médico dúas horas, como fixeron o xoves, non soluciona nada", sinala o portavoz do BNG na Pontenova, Xorxe Gómez Rico, a propósito da falta de facultativos no centro de saúde local. Di que é urxente cubrir as baixas e vacacións dos médicos para que a poboación poida ser atendida debidamente e contando cunha sanidade pública digna.
"Tras a promesa realizada a semana pasada polo PP e polo xerente do Sergas, supostamente a partir deste luns 18 debería terse incorporado un médico para cubrir a falta de persoal no centro de saúde, pero a realidade é moi distinta e seguimos a contar cunha única médica, o que conleva atrasar aínda máis as citas dos doentes", manifestou Gómez Rico, que resalta a gran mobilización veciñal que houbo a pasada semana por este problema.
Dende o BNG anuncian que continuarán a velar por que se garantan "os dereitos de toda a veciñanza", tal como demandaron tamén os nacionalistas no Parlamento a través do deputado mariñao Daniel Castro.
Falta de transparencia. Pola súa banda, a voceira do Bloque en Riotorto, Vanesa Gómez Lourido, critica que o goberno municipal, do PP, convoque un proceso para contratar persoal de albanelería, xardinaría e auxiliar administrativo sen darlle difusión "e recorrendo ao procedemento abreviado, a través do Sepe, que limita o acceso a algunhas persoas desempregadas".
Gómez critica a falta de transparencia no proceso pois "elude pasos como a publicación das persoas admitidas para participar na proba", e fala dos precedentes do goberno local, "que habitualmente acaba beneficiando ao entorno familiar do propio alcalde e do seu equipo".
"No caso da praza de auxiliar administrativo, estas convocatoris estanse empregando de forma reiterada para cubrir con interinidades prazas vacantes, pola excedencia do propio rexedor, que desenvolvía esas tarefas como funcionario antes de ser alcalde, e por unha xubilación", afirma. O BNG pide un novo proceso que garanta a igualdade de oportunidades.