lunes. 03.08.2020 |
El tiempo
lunes. 03.08.2020
El tiempo

O BNG acusa a PSOE e Unidas Podemos de "furtar o debate" da nacionalización de Alcoa no Congreso

Néstor Rego. MARISCAL  (Efe)
Néstor Rego. MARISCAL (Efe)
Néstor Rego advirte que "se acaba o tempo para que Alcoa decida pór en marcha o Ere"

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, acusou aos partidos que sosteñen o Goberno, PSOE e Unidas Podemos, de "furtar o debate" sobre a nacionalización de Alcoa na Cámara Baixa, ao non admitir na Mesa incorporar á orde do día as mocións urxentes, entre elas, unha dos nacionalistas sobre este asunto.

Segundo indica o BNG, estaba "previsto" debater no pleno unha moción sobre política industrial que, entre outras cuestións, recollía a intervención pública para a nacionalización da planta de Aluminio de Alcoa San Cibrao e tamén a intervención de Alu Ibérica, para "garantir a continuidade da actividade e salvagardar os postos de traballo" en ambos os casos.

Esta moción urxente é consecuencia dunha interpelación á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, presentada polo deputado nacionalista Néstor Rego no último pleno do Congreso, do 24 de xuño, en período ordinario.

O deputado nacionalista censura que "non fosen incorporadas" as mocións urxentes, aínda que o pleno desta semana é de carácter extraordinario, posto o período de sesións ordinario xa concluíu no Congreso. 

Con todo, o BNG considera "escandaloso" que a maioría da mesa, conformada por PSOE e Unidas Podemos, "furte un debate fundamental neste momento e, ademais, urxente", posto que "se acaba o tempo para que Alcoa decida pór en marcha o Ere e pechar a planta de aluminio". 

Respecto diso, os nacionalistas lembran que esta actuación suporá que máis de mil traballadores, entre cadro de persoal da empresa e auxiliares, "perdan o seu posto de traballo". 

"Este é o momento en que todas as forzas políticas teñen que pronunciarse co seu voto no Congreso a favor dunha proposta que xa se evidencia como a única posible para conseguir que Alcoa manteña a actividade na Mariña e preserve a totalidade dos postos de traballo", remarcou Rego.

FONDO DE INTERVENCIÓN 

No comunicado de prensa, o BNG lembra que no decreto 25/2020, o Goberno prevé un fondo para a intervención de empresas estratéxicas que pasen por unha situación de crise. Precisamente por iso, resulta "aínda máis rechamante que non estea disposto á intervención de Alu Ibérica e Alcoa": "están en xogo miles de postos de traballo e a continuidade dunha actividade estratéxica para o noso país".

Por iso o BNG insiste en que "é necesaria a actuación urxente do Goberno, tanto do Ministerio de Industria, do que depende a política industrial, como do Ministerio de Traballo, que ten as competencias sobre as políticas de emprego".

"Entendemos ademais que a Xunta de Galicia non pode porse de perfil nesta materia e ten que estar disposta a entrar nunha operación de intervención pública de Alcoa que lle dea perspectiva de futuro aos traballadores e ao conxunto da poboación da Mariña", sentenciou. 

O BNG acusa a PSOE e Unidas Podemos de "furtar o debate" da...
Comentarios