Sábado. 20.10.2018 |
El tiempo
Sábado. 20.10.2018
El tiempo

Blanca Besteiro: "Non somos moi conscientes do tesouro que temos en San Martiño"

Blanca Besteiro é unha recoñecida restauradora. XESÚS PONTE
Blanca Besteiro é unha recoñecida restauradora. XESÚS PONTE

A restauradora de Riotorto ofrece este venres unha conferencia, seguida dun obradoiro, sobre a restauración que se fixo hai unha década nas pinturas murais que apareceran na basílica de Foz. Comezará ás cinco da tarde no salón de actos do centro de interpretación do templo.

AS PINTURAS murais da basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, pasan por ser as máis antigas de estilo románico das que se ten constancia en Galicia. Blanca Besteiro (Riotorto, 1965) foi unha das encargadas, hai xa unha década, de realizar unha restauración na que tiveron que poñer un coidado especial. A riotortense, licenciada en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid e restauradora do Museo Provincial de Lugo, regresa este venres a San Martiño para explicar nunha conferencia o traballo que fixeron na basílica e para guiar un obradoiro no que os participantes, tanto adultos como nenos, poderán coñecer varias técnicas de restauración. A conferencia-obradoiro dará comezo ás cinco da tarde no salón de actos do Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo.

As de San Martiño seguen sendo as pinturas románicas máis antigas que conservamos en Galicia?

Así é, entre as románicas, as máis antigas e as máis amplas de Galicia, porque soamente existen dous conxuntos románicos en toda a comunidade. O outro está en San Pedro de Rocas, no concello ourensán de Esgos, pero son pouco menos de 2 metros cadrados de superficie e, en calquera caso, máis tardías.

Canto abranguen e de que época datan as da basílica focense?

Son uns 81 metros cadrados de pintura mural románica que datan do 1131 e logo, a maiores, tamén hai estratos dos séculos XV e XVI, polo que non hai só románico nesta basílica. As de Ourense pertencen xa ao final do século XII, aproximadamente ao 1170.

Só conservamos en toda Galicia dous conxuntos románicos, e o de San Martiño é o máis antigo e o máis amplo

Canto tempo estiveran traballando na súa restauración?

Esa restauración fíxose entre os anos 2007 e 2008. Estivemos catro persoas traballando, adicándonos uns 10 meses ás pinturas. Comigo estiveran outras tres restauradoras galegas, dúas delas tamén mariñanas. Trátase da mindoniense Elba Rico, a vilega Carmela Fernández e Marien González Añón, que é de Laxe. Logo houbo máis traballos despois, pero diso xa se encargara unha empresa.

Para un restaurador, tratar con pinturas tan antigas e de tanto valor supón unha presión engadida?

Sempre temos moito coidado, pero neste caso apareceu un estrato románico moi importante, co que non contábamos. Cando vimos as primeiras catas e comprobamos que o que estábamos descubrindo era moito máis importante do agardado a maiores do coidado habitual, decidimos non utilizar ningún produto sintético ou químico, o que fixo que nos levara un pouco máis de tempo, porque fomos con moita precaución. Empregamos auga de cal e tiramos da limpeza mecánica para interferir o menos posible na autenticidade das pinturas.

Para tres veciñas da comarca, participar neste traballo foi especial?

Si, foi especial e moi bonito, porque ademais non hai moitas oportunidades de participar en cousas así no noso bispado. Pero no caso de San Martiño de Mondoñedo sería especial para calquera restaurador pola importancia que teñen. Para Marien, que é de Laxe, tamén foi moi especial.

O feito de atopar un estrato románico tan importante fixo que non utilizáramos ningún produto sintético

Na Mariña somos conscientes do tesouro que temos?

Eu case diría que non moito. Cando apareceron estas pinturas, as primeiras que se interesaron por elas foron persoas de fóra de Galicia, concretamente dunha revista sobre o románico que se publica en Cataluña. A nivel internacional creo que se interesaran moitos estudosos antes incluso de que saíra nos medios de aquí. Dá a sensación de que ocupan máis espazo outras restauracións menores, de pequenos retablos, dos que hai moitas, e neste caso, coa importancia que ten, non tivo tanta relevancia no seu momento. Tampouco había daquela redes sociais como agora, aínda que ás veces tamén é contraproducente porque as visitas son importantes, pero dun xeito sostible. O interesante é ter un patrimonio que todos valoremos e loitemos por conservalo, xa que tivemos a sorte de que estas pinturas chegaran ata nós, porque unha parte deles, ao descoñecer a súa existencia, pode ser que foran picadas no 60 nunhas obras que se fixeran na basílica. Agora a nosa función é que poidan ser gozadas polos nosos netos e bisnetos.

Que traballará cos asistentes á conferencia no obradoiro?

En primeiro lugar, imos explicarlles que pinturas apareceron e que se fixo naquel momento, ensinando varias imaxes das pinturas tal e como apareceron e logo outras xa coa restauración pictórica rematada. Pero a Mario Crecente, o arquitecto que fixo a restauración do museo, apetecíalle tamén que tivera unha parte interactiva. Deste xeito, ímoslles ensinar técnicas que empregamos como o rigattino, que consiste en facer un retoque no que sexa evidente cal é a pintura orixinal e cal a restaurada. Nunca cubrimos o orixinal e sempre buscamos que se produza o menor impacto posible.

Blanca Besteiro: "Non somos moi conscientes do tesouro que temos en...
Comentarios