Bernardo Fraga: "O goberno non ten présa en negociar os presupostos"

O portavoz de Por Viveiro, Bernardo Fraga, segue vinculando o apoio da formación independente ás contas deste ano ao acordo que firmaron co PSOE para apoiar a súa investidura: "No momento en que vexamos que hai avances, ao día seguinte poñémonos a traballar para aprobalos". 
Bernardo Fraga Galdo, lider y portavoz de Por Viveiro
photo_camera Bernardo Fraga. AEP

A interrupción da actividade por parte da banda de música O Landro pon de novo de actualidade a falta de presupostos no Concello de Viveiro, que afecta ao resto de asociacións e clubes deportivos, que teñen sen cobrar as axudas de 2023 e 2024, e de rebote tamén lastra a moitas empresas do concello coas que contrataron servizos os distintos colectivos.

Logo da reunión cos veciños dixo que ían reflexionar. Acabou ese proceso? Cal é a conclusión?
Aínda non. Estamos inmersos no proceso negociador co goberno municipal. Non entendemos o retraso en todo este proceso, porque os orzamentos foron a pleno o 28 de decembro, que acabou sen acordo ao presentarse pola vía da imposición. Entón dixemos que non estabamos de acordo en como se elaboraban e tamén por non incluír as axudas ás asociacións e clubes. Dende aquela houbo tres xuntanzas, a última de hai 15 días foi a única produtiva, pero non parece que o goberno teña moita présa.

Que falta para aprobar os presupostos municipais?
Depende de que o goberno municipal cumpra cos acordos de investidura establecidos, pois asinaron un acordo que ninguén lles obrigou a asinar. No momento en que vexamos que hai avances ao día seguinte poñémonos a traballar para aprobalos. Hai uns compromisos que teñen que cumprir.

O prazo para cumprilos era de dous anos?
Había unha serie de acordos anuais, como que cada ano a Deputación ía facerse cargo do 50% do conservatorio, que representa un custo de 1,2 millóns de euros. Entendo que o goberno ao empezar as conversas está buscando cumprir os acordos que asinou.

Non imos aceptar unha quita ás entidades culturais e deportivas

O cumprimento dese acordo é a única condición que poñen para aprobar o presuposto?
Cumprir os acordos establecidos na investidura e que non imos aceptar unha quita ás entidades culturais e deportivas.

É consciente de que ter os presupostos prorrogados e sen incorporar ao personal do proceso de estabilización, supón unha rémora?
Si, entendemos todas as situacións, tamén que cando hai un acordo hai que cumprilo. O PSOE está acostumado a funcionar con orzamentos prorrogados coma agora, dende 2006 ao 2013 tamén funcionaron así; é unha constate habitual para eles.

A débeda do Concello supón outro inconvinte. Que propoñen para salvala situación?
Co plan de pago a proveedores de 2012 e as prórrogas posteriores aprazouse, o que hai que facer é pagala. A débeda que herdou o PSOE era de 12 millóns, elevouna a 16, e agora está en 8, esa débeda lastra o crecemento do concello.

O PP invitou á Alcaldía a presentar unha moción de confianza. Vostede dixo que había máis opcións.
Na reunión cos veciños plantexamos diversas opcións, establecíamos un periodo de reflexión para ver se o que pasaba era o correcto ou non. Presentar a moción de confianza depende do goberno.

Presentar unha moción de confianza depende do goberno

Tamén cabe unha moción de censura, vostedes apoiaríana?
Hai moitas posibilidades enriba da mesa, cando Por Viveiro decida unha cuestión ou outra, vaina comunicar.

Como se chegou ao cese temporal da banda, quen é o responsable?
En primeiro lugar, dende Por Viveiro apoiamos á banda e a todas as entidades, levámolo demostrado moitos anos. En segundo lugar, a responsabilidade de que no ano 2023 non cobrara é exclusivamente do PSOE, que gobernaba con folgada maioría. No 2024 cobrou unha axuda, antes da Semana Santa e ten pendente outro pago. É unha situación que nos desagradada, que a banda tivese que chegar a isto. Ao PSOE cando solicitou apoio para a investidura, esiximos que cumprisen unhas cuestións, que entre outras cousas provocan esta situación. O principal responsable é quen goberna. É moi sinxelo botarlle a culpa á forza política máis pequena para tapar unha xestión ineficaz. Nós sempre intentamos botar unha man e ser construtivos, quizais habería que preguntarse por que o PSOE gastou 900.000 euros fóra do orzamento no 2023, que agora crea unha xestión ineficaz moi grande.

Comentarios