Un belén tan grande como espectacular

O nacemento a tamaño real Viveiro ante o berce ateigouse este venres coas primeiras visitas na súa inauguración, na que o Concello ofreceu unha chocalatada gratuíta. A asociación encargada da montaxe introduciu novidades como galiñas

Veciños que asistiron á inauguración do belén xigante de Santa María. JOSÉ Mª ÁLVAREZ
photo_camera Veciños que asistiron á inauguración do belén xigante de Santa María. JOSÉ Mª ÁLVAREZ

A inauguración de Viveiro ante o berce ateigou onte a Praza de Santa María, un dos puntos da cidade do Landro onde se respira máis ambiente de Nadal con esta montaxe que chama atención pola dimensión das súas figuras, o coidado dos detalles e as novidades que introduce cada ano, moitas nesta ocasión. Trala bendición a cargo do arcipreste, Román Escourido, abriu ao público este nacemento que nas súas primeiras horas recibiu xa ducias de visitantes dos centos ou milleiros que se agardan ata a súa clausura o 13 de xaneiro.

Entre os asistentes estaban edís da corporación municipal e a alcaldesa, María Loureiro, que lembra que o éxito dese belén xigante é imparable dende que o Concello o recuperou hai uns catro anos. "É un atractivo moi grande para Viveiro en época de Nadal, pois xa dende o mes de setembro ou outubro nos están chamando desde asociacións ou colexios para preguntar cando se inaugura e cada vez vén máis xente expresamente a velo desde distintos lugares", di a rexedora, quen asegura que "non se coñece outro igual, con estas características" e tan "acompañado polo entorno, que é espectacular", pois para quenes non o saiban, o belén rodea a igrexa de Santa María, nunha praza que supón "un enclave histórico-monumental único".

María Loureiro destaca que a xente que vén un ano "repite ao seguinte" porque en cada edición o colectivo encargado da súa elaboración e montaxe, a Asociación de Amigos do Casco Histórico, "introduce cambios, algo difícil porque o espazo é o mesmo". Este ano, segundo avanzaba a este diario o presidente, Jesús Atadell, hai máis modificacións ca nunca, con cambios de ubicación, máis construcións, un zoco, un batán novo ou animais vivos -galiñas-, entre outras novidades que poderán comprobar por si mesmos quenes se acheguen a velo.

O Concello -que onte ofreceu unha chocolatada- impulsa este belén con axuda económica da Deputación Provincial de Lugo, que aporta preto de 30.000 euros dunha partida para actividades culturais e de promoción turística.

Comentarios