El rincón de... Belén Ramudo: "Aquí están os ollos cos que Burela ve o mar"

A vicepresidenta da comisión de festas de Burela elixe como o seu recuncho preferido da localidade un punto da zona xeolóxica do Perdouro, a coñecida como Igrexa de Coedo
Belén Ramudo, no seu recuncho preferido en Burela. J.M. ÁLVEZ
photo_camera Belén Ramudo, no seu recuncho preferido en Burela. J.M. ÁLVEZ

A vicepresidenta da comisión de festas de Burela, Belén Ramudo, é unha muller de enerxías. Por iso non é de estrañar que elixise como o seu recuncho preferido da localidade un punto da zona xeolóxica do Perdouro, a coñecida como Igrexa de Coedo, porque "ten enerxía". Para ela este lugar "son os ollos cos que Burela ve o mar". "É unha zona de arcos e fai tipo cúpula, por iso a xente a coñece como a Igrexa de Coedo e para min é unha zona moi especial dende a que podes ver toda a vida do porto cando está baixa a marea e ademais estar aí dentro cárgate de enerxía", explica.

Pero non é só que este punto teña unha enerxía especial para ela, senón que tamén garda un recordo moi especial de cando formaba parte da agrupación de Protección Civil de Cervo. Foi o 8 de xaneiro de 2003 cando unha vintena de falsas orcas foron varar xusto neste punto. "Viñemos axudar a sacalas, e escoitar os xemidos dos animais e o sangue arredor era algo que sobrecollía", lembra, "teño especial recordo da Kai, un dos membros da agrupación que faleceu, que se meteu co neopreno entre os animais e nadou con eles facendo ráfagas cunha lanterna baixo a auga ata que unha das orcas se fixou nel e saíu detrás da luz e detrás dela, o resto. Para nós foi o que salvou ás doce que conseguiron volver a mar aberto".

E tamén para cargarse de enerxía, Belén elixe a praia da Marosa con mar de fondo, cando se escoitan as ondas golpear contra as rochas. "En mal tempo é unha praia tranquila á que me gusta ir", recoñece. Sempre co mar como telón de fondo, Belén asegura que unha experiencia para non perderse é ver amencer dende a terceira planta do hotel A Cetárea, situado no porto: "É espectacular porque estando na cama parece que estás no mar e co muro das pinturas de Amarte ao fondo e o faro".

Voltando á enerxía e vinculado ao seu labor na comisión de festas, Belén sinala á sesión vermú do domingo das patronais: "A enerxía e a alegría que se viven é impresionante".

Comentarios