Un belén de papel en San Cibrao

Mulleres de San Ciprián impulsa este nacemento que se pode ver na Casa do Mar e ao que deu forma Toñita Casas
G
photo_camera As mulleres co belén. ÁLVEZ

ENTRE os nacementos que se representan nestas datas hai un diferente en San Cibrao feito con papel reciclado como ingrediente principal. Pode verse na Casa do Mar e impulsouno a asociación Mulleres de San Ciprián dentro do Plan Acción de Alcoa.

Unha das integrantes do colectivo, Toñita Casas Baltar, foi a artífice material do belén, ao que non lle falta detalle, dende os protagonistas do portal aos Reis Magos, o castelo de Herodes cos seus soldados, unha ponte, pastores, anxos ou animais.

"Todo o que hai é feito de papel de periódico e de cola", sinala a veciña, que leva traballando no proxecto dende antes do verán. "Fun facendo pouco a pouco e levou tempo porque o papel non podía estar moi seco nin moi húmido e había partes ás que lles custou moito secar, como a barriga dos camellos, porque en San Cibrao hai moita humidade", explica.

Toñita sinala que non tiña experiencia neste tipo de manualidades e ao principio custoulle atopar o punto, pero finalmente todas as figuras foron saíndo e o bonito resultado está á vista de todos na Casa do Mar. Predominan os tons brancos aínda que hai cor como as follas das palmeiras, para as que optaron por cartulina verde, ou a palla no tellado do portal.

Comentarios