O belén que loce no escaparate da tenda de disfraces Perona de Burela é xa un clásico na decoración de Nadal da vila mariñana. Esta escenificación, que cada ano vai gañando espazo e personaxes, é unha parada obrigada para os amantes desta tradición.
Desde hai uns anos, o belén incorporou figuras, detalles e mesmo construcións elaboradas de forma artesanal por Felisa García e José Manuel Fraga, as persoas que están detrás desta obra. Destaca o mercado, con centos de alimentos realizados a man como ameixas, polbo, bacallau, laranxas, queixos, empanadas ou cebolas.
Outros dos elementos destacados son as figuras móviles. Entre as decenas de personaxes que habitan neste belén atópase unha muller que lava roupa no río ou dous nenos que se divirten dun balancín que sobe e baixa. A obra tamén conta cun muíño que move as aspas e un río polo que discorre a auga.