Baía Edicións acudirá á Feira do Libro de Viveiro con distintas actividades

Libros de Baía Edicións. EP

Celebrará unha charla-coloquio sobre a obra Mar...usía. Relatos salpresados e presentará Gaiola aberta. Escolma de poesía infantil (1997-2017)

A editorial Baía Edicións celebrará este domingo ás 20.00 horas unha charla-coloquio na Feira do Libro de Viveiro sobre o libro Mar...usía. Relatos salpresados, de Paco Rivas.

Trátase, segundo a propia editorial, dunha colección de contos con protagonismo do mar e das xentes que reflicte a fala e o vocabulario da xente da Mariña.

Ademais, Baía Edicións tamén presentará a obra Gaiola aberta. Escolma de poesía infantil (1997-2017), de Xoán Neira, nunha edición literaria de Armando Requeixo.

Este libro recolle unha selección de poemas que pretenden ser unha homenaxe a Manuel María.