Aventura con obxectivo: unha ruta a pé para recoller lixo

Ana Baneira, que recorre soa a costa galega recollendo lixo, chegou este xoves a O Vicedo
Ana Baneira (dereita), cunha das voluntarias que recolleu onte lixo na praia de Arealonga no Vicedo. J. Mª ÁLVEZ
photo_camera Ana Baneira (dereita), cunha das voluntarias que recolleu onte lixo na praia de Arealonga no Vicedo. J. Mª ÁLVEZ

A rapaza coruñesa Ana Baneira comezou a camiñar o 10 de xullo na Guarda co obxectivo de recorrer a costa galega recollendo o lixo que atopa ao seu paso para concienciar sobre o coidado do medio ambiente. Equipada con pouco máis que a mochila na que leva a tenda de acampada na que durme ao aire libre e as bolsas nas que xunta os residuos, onte entrou na Mariña polo Vicedo na que será a última etapa da súa aventura -que prevé rematar o luns en Ribadeo- e en Arealonga participou xunto con veciños nunha recollida de lixo no entorno da praia.

Dende o Concello vicedense animaban a todo o mundo a participar nesta actividade e a coñecer as motivacións de Ana Baneira, de 22 anos. "O obxectivo é chamar a atención sobre a necesidade de coidar o planeta, algo que podemos facer cun xesto tan simple como levar con nós unha bolsa e recoller nela o lixo que vexamos no chan", conta a rapaza, que tivo a primeira idea de recorrer a costa de Galicia despois de facer, hai tres anos, o Camiño de Santiago dende Irún. Esta ocorrencia recibiu o empurrón definitivo logo de ler durante o confinamento o libro de Nacho Dean. "Foi a primeira persoa en dar a volta ao mundo camiñando e facíao cun obxectivo, sensibilizar sobre o medio ambiente e ver os cambios que había no planeta. Eu collín esa idea e cambiei unha aventura por un proxecto de concienciación", relata.

Ao entrar na Mariña Ana Baneira levaba percorridos uns 1.100 quilómetros e recollidos 55 quilos de lixo. "A idea é chegar en Ribadeo aos 1.200 quilómetros, pois aínda que a costa de Galicia ten 1.500 é difícil bordear todo", explica. En canto á recollida de lixo, leva con ela un pack de bolsas de dez litros e cando enche unha, antes de depositala nun contedor, pésaa para saber así a cantidade que leva acumulada. "Estou recollendo unha barbaridade de latas e botellas, son o que máis, e despois caixas de tabaco e moitas mascarillas. Tamén hai moitos panos de papel e toalliñas, sobre todo cerca de praias ou sitios turísticos, e plásticos variados, envoltorios decalquera cousa", detalla.

Desde que iniciou o seu camiño só descansou un pouco ao pasar pola Coruña, a súa cidade natal, e fixo soa a maioría do percorrido, agás os primeiros cinco días que a acompañou unha amiga e outro tramo en Ferrol na que tamén camiñou xunto cun achegado. "Foron os únicos días que tiven compañía", sinala a rapaza, quen subliña que está a vivir unha experiencia moi positiva e que non ten medo nin por camiñar soa nin por durmir ao aire libre na súa tenda. "Os primeiros días se acampaba debaixo dun piñeiral e caían follas parecía que era alguén que se viña achegando, pero era máis cousa de imaxinación, ao asomar a cabeza non vía a ninguén", conta.

Desde Ladrido e en todo o tramo que fará pola Mariña segue principalmente o camiño natural Ruta do Cantábrico, polo que hoxe chegará a Viveiro, este sábado a San Cibrao e o domingo a Burela, onde participará noutra actividade de recollida de residuos logo de que contactara con ela a asociación A Mariña sen Plástico. Se todo sae segundo o previsto, o luns rematará en Ribadeo.

Pode que a súa próxima aventura sexa "unha ruta de longo percorrido" das que hai varias en Europa, "de Noruega a Cádiz ou que cruzan todo o continente", pero terá que esperar. A súa prioridade agora é cursar o ano que lle queda de Administración e Dirección de Empresas en Inglés, facer as prácticas e traballar. "Tamén me gustaría crear un blog de senderismo e medio ambiente", di.

Comentarios