O RECUNCHO DE... SIMÓN RUBAL

"A auga do Pozo das Moscas está totalmente transparente no verán"

Simon Rubal garda deste punto da Ruta dos Pozos do Valadouro moi bos recordos de cando era neno
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Simón Rubal, no Pozo das Moscas. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Ruta dos Pozos do Valadouro é un bo xeito de desfrutar da natureza neste municipio. Un percorrido por camiños rurais a carón dos regatos Ferreira e Val dos Infernos onde se poden ver especies autóctonas de ribeira e tamén eucaliptos. Agora é un reclamo turístico do municipio, pero cando Simón Rubal, mecánico e presidente do motoclub do Valadouro, era cativo o Pozo das Moscas, que forma parte desta ruta, era un lugar de diversión asegurada para os máis novos.

Por iso, el escolle este pozo como o seu lugar especial no municipio. "Xuntabámonos todos os amigos para ir ata alí en bicicleta e tirarnos á agua, que no verán está totalmente transparente", recorda.

O grupo de amigos de Simón facíase chamar Os Túzaros e era de Ferreira, pero ata o Pozo das Moscas tamén se achegaban rapaces de Alaxe ou de Tanín, entre outros puntos do concello. "É un sitio que está cerca de Ferreira e era ideal para bañarse, tamén había unha pedra para tomar o sol e un campo onde comíamos o bocadillo", lembra Simón, que subliña que a primeira tarea do inicio de cada verán era facer unha pequena presa para darlle máis profundidade ao pozo: "Cando eramos rapaces había unha zona na que nos cubría, pero outra tiña menos auga e arreábamos pedras para facer una minipresa e poder tirarnos en bomba, era xenial".

Era tan xenial e Simón lémbrao con tanta ilusión que cando llelo contou ás súas fillas, a elas faltoulles tempo para pedir que as levara. "As miñas fillas descubrírono comigo e xa queren ir bañarse alí no verán como antigamente", di.

Simón recoñece que este espazo natural é de fácil acceso e agora, ao formar parte da Ruta dos Pozos, está moi coidado. "Cando eramos pequenos era só noso, pero agora xa é un punto turístico que serve para atraer xente ao pobo", asegura.

Dende o Pozo das Moscas séguese ata o Pozo da Onza, que loce unha das fermosas cascadas coas que conta A Mariña.

Comentarios