"O auditorio e un terceiro acceso ao casco son proxectos primordiais"

Despois de catro anos como portavoz do grupo municipal de Foz, Plataforma de Futuro (FPF), Alfonso Sixto volverá encabezar a lista da formación ás eleccións municipais

aaaa
photo_camera Alfonso Sixto, no peirao de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A formación Foz Plataforma de Futuro (FPF) apareceu no panorama político focense en 2015 e conseguiu tres concelleiros. Naquel momento xa anunciaran que chegaban para quedar e agora confírmano presentando ao seu alcaldable, Alfonso Sixto, que durante estes últimos catro anos foi o portavoz do grupo municipal.

Que balance fai deste mandato?
Foi un mandato moi complicado porque era a primeira vez que estabamos en cargos públicos e era todo novo, pero do traballo que sacamos adiante fago un balance moi positivo. Presentamos máis de 120 mocións e máis de 120 rogos e preguntas o que implicou un importante traballo de recollida das demandas veciñais, tanto do casco urbano coma das parroquias. O equipo de goberno non levou a cabo todas as mocións que se aprobaron no pleno, pero estamos moi satisfeitos coas que saíron adiante.

Como se plantexan os vindeiros catro anos?
Queremos ser a opción que lidere o cambio no Concello de Foz. Non pensamos en estar na oposición, por iso dende a alcaldía o primeiro que hai que pensar é en facer unha planificación para recuperar todo aquilo que estivo abandonado e darlle aos veciños o servizos básicos, que é o que demandan na vida diaria.

Que proxectos teñen pensados para Foz?
Na campaña pasada xa non levabamos ningún megaproxecto, porque non se pode enganar aos veciños con ideas que non son viables, por iso apostamos por proxectos que sexan factibles. Os cidadáns o que queren é ter beirarrúas limpas, accesibilidade, os parques coidados, as farolas en bo estado ou estradas decentes, é dicir, que estean ben as cousas do seu día a día.

Hai catro anos puxeron enriba da mesa a necesidade dun auditorio.
Si e volveremos levalo agora. Neste mandato volveuse falar da necesidade dun auditorio, que incluso preste un servizo comarcal, a raíz dunha moción que presentamos para que se sacara adiante aproveitando un proxecto que xa había. Cremos que o auditorio é primordial porque hai moito tecido cultural que o demanda.

Algunha outra idea que barallen?
O terceiro acceso a Foz que anunciou o PSOE non é nada novo, xa que nós xa o levabamos no programa de hai catro anos. É necesario facelo para enlazar coa Rúa do Cemiterio, pero sin esquecer as melloras que son necesarias na entrada por Vilaxoane. Tamén cremos que é importantísimo crear un museo etnográfico da pesca, que se ben agora perdeu peso foron moitos os veciños que traballaron nela e tamén propoñeremos crear un parque infantil cuberto. Os veciños das parroquias tamén demandan unha ordenanza para que os madeiristas amañen as pistas forestais que estropean e que se faga cumplir e apostaremos por recuperar o casco antigo de Foz e ademais pensamos que é o espazo onde se poden facer rúas peonís consensuadas cos veciños.

Apostamos por un museo da pesca e por recuperar o casco antigo e crear nel espazos peonís consensuados cos veciños

Tamén teñen en mente reorganizar o tráfico no centro.
Si, unha das primeiras medidas que tomaremos será a devolver o sentido orixinal ás rúas Álvaro Cuqueiro e Avenida da Mariña pedindo un informe á Policía Local, polo menos ata que non se melloren a Rúa do Cemiterio e a Rúa do Pilar. Pensamos que é inviable ter dúas rúas no centro no mesmo sentido.

Outra das súas apostas é a participación cidadá.
Hai catro anos xa propoñiamos crear un consello veciñal e seguimos apostando por el. Neste mandato xa intentamos que se crearan comisións de seguemento coma a das obras de Álvaro Cunqueiro e da depuradora e deron bos resultados e coa do Plan Xeral ata os redactores do documento recoñeceron que fora unha boa maneira de traballar.

Como afronta a configuración da lista?
Imos facer unha candidatura para gobernar. Nestes últimos anos aprendemos e agora vamos gobernar. Xa falei cos dous compañeiros que me acompañaron neste mandato e tamén mantiven reunións con exconcelleiros, principalmente con edís do PSOE que tiveron responsabilidades do goberno. Tamén falei con xente nova, aínda que a política non chama moito a atención.

É unha vantaxe ou non ser un partido independente?
A min gústame máis non depender de ningunha sigla porque tés máis liberdade e á hora de que a xente se involucre atopas un pouco de todo. É certo que hai catro anos non me resultou complicado atopar xente para crear a lista e eu penso que influíu o feito de que fóramos un partido independente.

Queremos liderar un goberno de esquerdas e non cometeremos os mesmos erros que hai catro anos ao negociar co PSOE

Tralo 26 de maio, como ve o escenario de pacto se non hai unha maioría como vén pasando nos últimos anos? Sería factible unha unión FPF e PSOE?
As negociacións de hai catro anos co PSOE non fructificaron porque as dúas formacións cometemos erros, pero de todo se aprende e FPF non vai cometer os mesmos erros. Neste senso, o que está claro é que esta formación quere liderar un goberno de esquerdas e non permitir que siga gobernando o Partido Popular.

Más en A Mariña
Comentarios