A asociación Tá en Artes disólvese ao non conseguir un centro estable para as exposicións

Os seus responsables están dispostos a "ceder o conseguido" se algunha persoa ou colectivo quere facerse cargo

Unha mostra promovida por Tá en Artes. ARQUIVO
photo_camera Unha mostra promovida por Tá en Artes. ARQUIVO

A Asociación Cultural Tá en Artes anunciou por unanimidade a súa disolución logo de oito anos de funcionamento e non ter conseguido "un centro estable na Mariña que acollese as programacións dos distintos colectivos da comarca e que contase co persoal suficiente para levar un labor de xestión que no noso caso é imposible de manter".

Nun comunicado emitido dende Viveiro, din que "o pasado domingo, en reunión celebrada en Sargadelos, a Asociación Cultural Tá en Artes decidiu por unanimidade levar a cabo a súa disolución, dado que os obxectivos perseguidos durante oito anos de traballo intenso non fomos quen de conseguilos no seu punto fundamental. Coordinar catro exposicións, cursos de formación de profesorado, centros escolares, monitores, transporte, xestións coas distintas administracións (concellos, Deputación, Xunta de Galicia) é inviable levalas a cabo pola situación persoal de tódolos membros desta asociación".

"Antes de cumprimentar o trámite administrativo da desaparición de Tá en Artes —explican—, deixamos un tempo por se algunha asociación, colectivos ou persoas queren facerse cargo da mesma, cedendo o conseguido ata esta data sen ningún tipo de condicionante e colaborando en dúbidas ou xestións a realizar".

O colectivo espera que o feito sexa "aliciente e acicate" para quen se dedica a cerar "nas complexas condicións da nosa comarca" 

Neste punto, agradecen o apoio recibido no tempo de actividade. "Non queremos marchar sen agradecer ós/as alumnos/as da Mariña a súa participación co seu traballo, ós/ás profesores/as a total colaboración e disposición para con nós, así como ás direccións dos centros implicados. Ós/ás alcaldes/alcaldesas que fixeron o traballo máis viable, destacar por ser o centro operativo ós de Foz, tanto Castiñeira como Fran Cajoto, co que tivemos unha total sintonía. Agradecer á area de cultura da Deputación de Lugo tamén a súa implicación e destacar a súa contribución neste derradeiro ano. Ás direccións xerais de Cultura e Política Lingüística da Xunta de Galicia polo apoio económico".

"Ás asociacións culturais da comarca —continúan—, en especial á Pomba do Arco, coa que mantivemos programacións conxuntas. Por suposto ós/ás artistas da Mariña que grazas ó seu altruísmo e tempo colaboraron con nós e fixeron posible levar a cabo o programado. Á Imprenta Lar de Viveiro, que sempre estivo disposta en tempo e forma para publicar o proposto nas programacións. Ós/ás funcionarios/as que colaboraron nos diferentes centros administrativos. Ós medios de comunicacións da comarca que sempre atoparon un oco para difundir a nosa proposta tanto a prensa escrita como en radio, así coma os/as fotógrafos/as que ilustraron os noso actos".

"Destacar ós pais e nais da Mariña que interpretaron do mellor xeito a colaboración cos centros escolares, así como as empresas de transporte que fixeron posible as visitas de máis de 1.700 alumnos/as anualmente neste anos. Á xestoría Monicar de Burela. Ós/ás familiares e amigos dos/as artistas que, sen estar con nós en vida, puidemos homenaxealos grazas á participación desinteresada dos mesmos. Ó Museo Provincial de Lugo e a todo o seu persoal, coa directora Aurelia Balseiro á cabeza, que sempre puxo a total predisposición para que a creación dos/as artistas da Mariña tivese presencia na capital da provincia. Ós/ás artistas convidados que non escatimaron esforzos para estar presentes en cada mostra. En definitiva a todas e cada unha das xentes da Mariña que foron quen de darlles contido a todas actividades programadas nestes oito anos".

"Esperemos que este traballo sexa aliciente e acicate para todas e todos ós/ás que dedican o tempo para crear nas complexas condicións da nosa comarca, e sigan achegando os seus coñecementos para novas ideas e novos proxectos", conclúen. 

Comentarios