En compañía de animales

Asier: "Encántame mirar para eles, ver como xogan"

O focego Asier Burundarena ten unha comunidade de agapornis, aos que deixa criar ao seu aire coma se estivesen en liberdade
Asier Burundarena, nunha voandeira coas súas aves. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Asier Burundarena, nunha voandeira coas súas aves. JOSÉ Mª ÁLVEZ

"Sempre tiven afección polos animais, teño peixes de auga fría, de auga quente, tiven un esquío e unha cobaia. Agora crío os agapornis, teño ninfas, unha cotorra do sol e un loris arcoiris", conta o focego Asier Burundarena Otero, que instalou unhas voandeiras na casa dos seus pais, onde teñen espazo aberto e pechado de sobra, con pólas e un estanque. "Están moi ben neste hábitat preparado, aínda que son de climas máis cálidos, aguantan ben o inverno, quizais porque teñen unha zona cuberta con niños e poden durmir apretadiños. Tiña dúbidas de pasalos para fóra, pero cambioulles a plumaxe, co sol directo é máis viva".

A primeira parella chegou á súa casa en 2015, "porque facíanme gracia, logo quixen saber como criaban e fun ampliando a familia e as instalacións. Agora teño 32 exemplares adultos e sete ou oito crías". Cada parella incuba de catro a seis ovos, dependendo da temperatura, os seus crían dúas veces ao ano. "Ao telos con niños fixos poñen cando queren. Están moi ben organizados, collen un niño e xa é para sempre", sinala.

Asier explica que os agapornis son aves con dimorfismo sexual, sen diferenza entre o macho e a femia. "Só é posible sabelo sacándolle unha plumiña e analizando o ADN". El ten numerados os niños e anota cal entra en cada un para saber cales son os pais. Dese xeito prodúcense as mutacións de cores. "Os criadores profesionais fan as mesturas como queren, a min gústame que elixan como se estivesen na natureza", comenta.

Os agapornis son territoriais, polo que picotean noutras especies que invaden a súa zona, pero Asier puxo tres ninfas con eles e "están de marabilla, pero a un criador que coñezo duráronlle dúas semanas". Aliméntaos con alpiste de froitos secos, auga e cada dez días dálles froita. Cando tiran algún pequeno do niño, críao con papilla. "Ese paxaro é manso, pero dá moito traballo facelo. Criei tres, un facía voo libre, soltábao e volvía cando quería. Un día matoumo unha aguia e decidín non criar máis á man, se pasa iso regalareino. Póñolles folla de palmeira e fan unha coliña circular con ela. Encántame mirar para eles, ver como xogan. Con outras especies meirandes interactúas máis pero eles ao ser 32 non paran na man nin nada".

Comentarios