domingo. 28.11.2021 |
El tiempo
domingo. 28.11.2021
El tiempo

ANÁLISE

A "asfixia" eléctrica bloquéao todo

O complexo industrial de Alúmina visto de noite desde a praia da Limosa, en San Cibrao. LOMBARDERO
O complexo industrial de Alúmina visto de noite desde a praia da Limosa, en San Cibrao. LOMBARDERO

Este luns fará unha semana da chamada da Asociación de Empresas con Gran Consumo de Energía (Aege) reclamando medidas a curto prazo para facer fronte aos custes eléctricos. "A industria electrointensiva, asfixiada" clamaba a entidade que preside José Antonio Jainaga, á súa vez presidente de Sidenor, o potente grupo vasco que quería comprar Aluminio. Na executiva de Aege tamén está por Alcoa Joaquín González-Blas e tanto el coma os outros 15 membros do comité ven que os prezos eléctricos empeoran «poñendo en xaque a supervivencia» das industrias xa que ata hai poucos días non recibiran ofertas de contratos bilaterais das eléctricas dominantes a prezos competitivos para 2022. Sobe a presión pese a pedirlle o Goberno ás eléctricas apoio á industria e comprar ou vender está complicado. O alto custe eléctrico, a falta de competitividade con Francia ou Alemaña, volven ao primeiro plano polo desbocado megavatio/hora pero levan anos queixándose e avisando de deslocalizacións, cando a electricidade ía barata e recibían compensacións millonarias coas subastas de interrumpibilidade.

O prezo do aprovisionamento eléctrico, sempre conflitivo

Retrocedamos ata finais de 2014 cando se aclararon os prezos do aprovisionamento eléctrico para o seguinte exercicio. Daquela Alcoa viña ameazando co peche das fábricas de Avilés e A Coruña no que xa viña sendo un pulso económico e social cos gobernos. Ao obter 142 millóns de euros de compensación na subasta, outro ano máis se parou todo pero puxo as dúas fábricas máis vellas e menos competitivas á venda. E chegou o momento, en 2018, en que o abaratamento da factura eléctrica xa non era o problema definitivo. Viron a competencia china inundando o mercado de metal ou a carestía das materias primas. Fabrican moito aluminio noutros países e víase vir que se ían.

 

Canto se pagaba e cal e agora o prezo do megavatio/hora?

É asunto privado coas eléctricas, con contratos fixos e en función do mercado. En todo caso, cando en 2014 a media do megavatio/hora no mercado maiorista se pechou a 55,05 euros ás industrias xa lles parecía unha factura desproporcionada, alertando dun 15% de suba nos últimos anos. Aege, Confemetal e Unesid vían perigo e pedían estabilidade e predicibilidade no mercado eléctrico e na política enerxética do Goberno do PP, para salvar as industrias. E iso que en febreiro de 2014 se rexistraba a cotización máis baixa do MWh dende que funciona o "pool" eléctrico: 17,12 euros, menor incluso cós 17,57 euros de marzo do 2001. Se xa o vían mal daquela -en 2015 a media foi de 62,84 euros MWh, 48,42 en 2016, 60,55 en 2017, 64,37 en 2018 e 53,41 en 2019-, pódese crer que se alporicen polos 172,47 de agora ou o máximo de setembro (209,78 euros MWh) dada a carestía do gas e dos dereitos de emisión de CO2. En termos anuais a luz xa subiu un 304% e, o que é peor, a vicepresidenta e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, non descarta que sigan así ata ben entrado o 2022, pese ás reducións da carga fiscal e os custes fixos nos recibos.

Atrapados entre as eléctricas, as industrias e as protestas

Aínda que xa a xeración con enerxía eólica manda no mercado ibérico, o aprovisionamento de gas preocupa e non hai maneira de enxugar o prezo eléctrico ao votante. Pero o Goberno teno complicado tamén coa industria. Entre que os intereses creados dos lobbys madrileños apretan, nada parece saírlle a dereitas. Nin a esquerdas. Na Mariña hai temor ao ermo industrial e os alcaldes de PSOE e PP escoitan críticas á inoperancia -algúns socialistas están molestos cos sindicatos ao crer que lle fan o xogo a Alcoa contra o Goberno- : "Échale huevos, Pedrito échale huevos" ou "¿dónde está Yolandita, Yolandita dónde está?", "Xunta, Madrid, escoita, A Mariña está en loita", "Sepi, traidora, A Mariña non perdoa" lles berran os traballadores en folga indefinida dende o 27 de setembro. A volatilidade nos mercados e nas rúas é continua. Ao Goberno non lle saíu ben o estatuto de industrias electrointensivas e algunhas destas din agora que o seu custe eléctrico alcanza incluso o 75% dos totais de producir. Tamén tivo que recuar co real decreto de 17 de setembro que pretendía mitigar o impacto da escalada dos prezos do gas, a base de irlles un pouco ao peto ás eléctricas nos seus beneficios. Só cando matizou nos contratos fixos e a prazo Naturgy falou de contratos «accesibles e estables» en tarifas a dous anos. A propia Confemetal dubidaba de que puideran pechar «contratos de compraventa de enerxía a longo prazo». Unha rebelión das industrias parecida á de primeiros de ano cando se aliaron contra o proxecto de lei para crear un Fondo Nacional para a Sostibilidade do Sistema Eléctrico que, estimaron, trasladaría cargos das renovables por 2.650 millóns ata 2025 nos seus recibos.

A "asfixia" eléctrica bloquéao todo
Comentarios