Miguel Somovilla: "Os artigos de Cunqueiro seguen a ter vixencia, era un escritor alleo as modas"

O escritor asturiano presentará o sábado en Mondoñedo unha escolma de artigos periodísticos en castelán publicados polo escritor Álvaro Cunqueiro durante cincuenta anos nunha vintena de cabeceiras, entre elas El Progreso.
photo_camera Miguel Somovilla. AMA

Os artigos foron escritos por Álvaro Cunqueiro desde 1930 ata 1981, o ano na súa morte, porque incluso se recollen tres póstumos, que chegaron ás redaccións tras o seu falecemento, tal e como recorda o Miguel Somovilla, autor de Al pasar de los años. Artículos periodísticos (Biblioteca Castro), e que cre que "moitos dos artigos de Cunqueiro seguen a estar de actualidade, axudado porque foi un escritor alleo ás modas”. O xornalista asturiano de 63 anos Miguel Somovilla fala correctamente o galego grazas ao tempo que pasou traballando en Santiago de Compostela. A figura é a escrita de Cunqueiro atrapáronno durante moito tempo ata que hai dous anos poido poñerse a remexer nos artigos de Álvaro Cunqueiro, para facer unha selección de 200, un "un por cento" dos que chegou a escribir, di o autor, pero que estima condensan á perfección o que foron as súas teimas e inquedanzas.

Creo que ten vostede unha completa Cunqueiroteca, como vostede mesmo a define, moi acertadamente.
Teño bastantes obras que fun mercando en librerías de vello buscando primeiras edicións, que fun conseguindo de case todas elas, agás dos primeiros poemas do 32 e 33 que terían unha pequena tirada e non os atopei. Á marxe, teño  moitas outras cousas que se publicaron en torno a el e si, gústame chamala Cunqueiroteca, porque é completa e moderna.

Publica unha obra recompilatoria con 200 artigos de Cunqueiro que atopou en periódicos e libros. Non debeu ser un traballo doado.
Non foi sinxelo, non, porque Cunqueiro puido escribir uns 20.000 artigos en medio século co que 200 é só un por cento, pero entendo que son representativos das teimas, inquedanzas e saberes de Cunqueiro, que eran moitos e diversos. Están divididos en dez capítulos con diferentes temáticas que se publicaron en diversas cabeceiras, a que máis no Faro de Vigo, do que foi director, pero tamén noutras como El Progreso, La Voz de Galicia, El Pueblo Gallego, La Noche, Vértice, El Sol, Sábado Gráfico, El Noticiero Universal, Jano ou Tribuna Médica. Destes dous últimos proceden parte dos 68 artigos inéditos que o son porque están recompilados en libros e nestes dous semanarios, en Jano, adicado sobre todo a gastronomía e en Tribuna Médica ao curandeirismo.

É un reflexo de medio século do Cunqueiro periodista. Imaxino o difícil da selección.
Como o mesmo Cunqueiro dixo toda antoloxía é unha aventura e o é no sentido de escoller. O libro ábrese co primeiro poema que se ten constancia que publicou, ‘D’un libro’, que apareceu no semanario Vallibria e que, aínda que era coñecido, nunca estivo nun libro e péchase con tres póstumos,  aparecidos trala sua morte en Radio Nacional, no semanario Sábado Gráfico ou no diario Ya, pois chegaron ás redaccións tralo seu falecemento.

Uns artigos que se completan con citas.
Si, pero non é unha escolma crítica, pois o que fixen son notas pé de paxina para explicar dúbidas sobre algún nome ou posibles erros, porque o que non fixen foi publicar ningún do que non poidera ver directamente o orixinal; ademais hai un limiar longo adicado ao obra de Cunqueiro, cunha cronoloxía desde o seu nacemento, en 1911, e complétase cun epílogo con textos de tres xornalistas, xa falecidos: a entrevista que Francisco Umbral lle fixo a Cunqueiro en 1969 pola concesión do Premio Nadal pola obra ‘Un hombre que se parecía a Orestes’; o artigo que publicou Francisco Carantoña en ‘Los cuadernos del Norte’ sobre o seu enterro e ‘Mondoñedo no existe’, que Juan Cueto escribeu en El País no 82, co motivo do primeiro aniversario do pasamento de Cunqueiro e co que gañou o premio González Ruano.

Ao fío do artigo de Cueto, cre que Cunqueiro está recoñecido como se merece?
En Galicia si e coñécese e valórase a súa obra, pero no resto de España podería ter máis presencia tendo en conta que boa parte dos seus traballos están traducidos ao castelán, ás veces por el mesmo e outras polo seu amigo Fernández del Riego. Acábanse de cumprir 39 anos do seu pasamento e a súa segue de actualidade, moitos dos seus artigos seguen a ter vixencia porque era un escritor alleo ás modas.

Ten algunha obra favorita?
Para mín a mellor é Merlín e Familia, que era tamén a favorita de Cunqueiro e, como artigo o que lle da nome ao libro, Al pasar de los años, publicado no Faro de Vigo e no que Cunqueiro fai un repaso a través do tempo da súa columna El Envés.

Entendo que lle fai ilusión presentar a obra en Mondoñedo.
Claro, eu quixen que a primeira presentación fose na cidade natal de Cunquiero, donde está o seu obradoirde escrita e, sobre todo polo simbolismo de presentar os seus artigos na súa cidade natal. 
 

Comentarios