De arribada, Nicasio

Tripulación Apóstol Santiago, 1984. AEP
photo_camera Tripulación Apóstol Santiago, 1984. AEP

Disque o patrón botárañe peito...

- Quen?! Nicasio?! Ése si que é un héroe, chó ! Atravesou o barco uns vinte minutos, e adiante e atráis, gobernando con aquel mar, e adiante e atráis, atravesados, chó! hasta que no le quedó ni un hombre en el mar por rescatar: nove náufragos!

- Que é do que máis se recorda, señor Paco?

- Do que máis me recordo é de todo... De cando me recolleron, que levaba a roupa toda de gasoi... De Nicasio.

Nicasio Arrizado Meitín (13/09/1933-24/06/2022), mandando o María y Bernarda, e adiante e atráis, chó!, atravesados, recollera a nove náufragos da galerna de 1961. 

Sendo patrón no ‘Río de Oro’, participou na noite do rescate do ‘Lina Bea’, arrastreiro coruñés embarrancado en Cabo Morás. 

Xa co seu barco, o ‘Apóstol Santiago’, levou a cabo o salvamento do ‘Mandi’, embarrancado na Peña Pereira. Había moito mar e o remolcador do Ferrol non se atreveu a mete-lo bote salvavidas por aquel canal de escasamente cinco metros.

- Déixenos o bote a nosoutros, señor comandante - ofreceuse Nicasio á autoridade, que seguía por terra o rescate.

- Pero, con ese mar, cómo se va a meter usted ahí? - preveuno o señor comandante.

Pero el sabía, polos vellos mariñeiros, que na preamar, alí, entre baixo e baixo, nunca se vira romper balbordo, si, trastazo de mar, si, pero non facía "sombreiro". Así que observou, agardando a preamar, circunstancia que aproveitou para entrar no bote salvavidas e traer un chicote ao barco con dous voluntarios máis (Parapar e Miss) e volver cos dezanove náufragos do ‘Mandi’, máis eles tres. (O bote salvavidas tiña capacidade para dezanove homes...)

Nicasio Arrizado Meitín, tempo despois, estaba no Cabo Saíñas cando o salvamento do arrastreiro Vicedo. Que é do que máis se recorda, señor Nicasio? (Extracto dunha crónica da galerna de 1961).

Comentarios