O aroma de cada historia

Lebre de Abril é unha novidosa empresa de Xove dedicada á fabricación de candeas inspiradas en personaxes de libros, películas ou videoxogos 
Patricia Saburido Álvarez, Ade, é a impulsora de Lebre de Abril. Ep
photo_camera Patricia Saburido Álvarez, Ade, é a impulsora de Lebre de Abril. Ep

Nun fogar de Xove naceu este ano unha novidosa empresa que se adica ao deseño e elaboración artesanal de candeas con aromas inspirados en personaxes de libros, películas ou videoxogos co obxectivo de aumentar a experiencia de quen as encenda mentras le, ve ou xoga.

Trátase de Lebre de Abril, que está acadando un gran éxito coas vendas online dos seus produtos, entre os que tamén se atopan ilustracións, bolsas de tea serigrafiadas ou cuncas. Patricia Saburido Álvarez, familiarmente coñecida como Ade, é a persoa detrás desta iniciativa que naceu da afección dela e da súa parella a ler.

"A lectura forma parte da nosa vida dende sempre, tamén os videoxogos, o cine... somos bastante ‘frikis’", comenta a impulsora, que fala dos comezos da empresa: "Vimos que noutros países había empresas que se adicaban á fabricación de candeas temáticas, normalmente enfocadas a libros, e ocorréusenos levalo máis aló e facelas non só dos libros, senón de videoxogos ou películas para facer a experiencia moito máis realista. Cando estás vendo unha película ou lendo un libro, sumarlle o factor do aroma transpórtate máis aló", sinala.

A idea xurdiu no 2019 pero non foi ata abril deste ano cando Lebre de Abril saltou ao mundo. Polo medio, moitas horas de formación autodidacta e moitas probas para dar cos aromas exactos para acabar de vestir a cada personaxe. "Temos a nosa receita secreta e temos unha gama de aromas moi ampla, dende florais, amadeirados, doces, frescos, frutais... trátase de facer moitas probas, mesturas, anotacións, xogar coas medidas, coas temperaturas... é case como cociñar, pero máis complicado", conta, pero sempre coa finalidade de "achegarse ou ser o máis fiel posible á descrición do personaxe. O olfacto é un dos sentidos máis máxicos porque te transporta ao minuto a un lugar ou a un momento da vida dese personaxe, é o que tratamos de plasmar buscando a mistura perfecta", di.

Boa parte das candeas que elaboran están inspiradas en personaxes femininas. "Apetécenos moito darlles máis visibilidade ás protagonistas mulleres, personaxes empoderadas, importantes", sinala, entre as que cita a candea de Sassenagh, "inspirada na personaxe protagonista da saga ‘Outlander’ que ten tanto serie de televisión como libros", ou a de Yennefer, personaxe principal feminina da saga ‘The Witcher’ de videoxogos, libros e agora serie de televisión".

Tamén se inspiran en personaxes máis escuras como "a Bruxa do Mar, Maléfica ou a Raíña Malvada de Brancaneves", e precisamente esta última, xunto coa de Yennefer, son as máis demandadas.

Agora traballan na introdución de personaxes masculinos, di, pero as femininas seguirán tendo un papel predominante. Á parte do aroma, para a elaboración das candeas utilizan cera de soia, que "ao ser vexetal é moitísimo mellor tanto para o medio ambiente como para respirar que calquera outra cera, pois por exemplo a de parafina está feita de petróleo e non é o mesmo respirar unha que outra", ao que engade que a de soia "admite moita máis cantidade de aroma, co que as candeas ulen moitísimo".

O deseño da etiqueta e o empaquetado para "presentar da maneira máis máxica para o comprador" completan o proceso creativo. A venda realízana online a través da súa páxina web, www. lebredeabril.com, e ata agora estiveron distribuíndo a toda España pero xa entra nos plans ampliar fronteiras.

"Estamos empezando con Portugal e o obxectivo próximo é Europa", avanza a impulsora, para o que barallan facer a etiquetaxe en inglés ou noutros idiomas. Polo momento fana en castelán e en galego, unha opción que segundo conta está tendo moita demanda.

"Temos todas as candeas dispoñibles en galego e fainos moita ilusión porque nos compra moita xente de fóra de Galicia en galego" asegura. Á parte das candeas, Lebre de Abril atrévese con bolsas de tea, tazas de cerámica inspiradas en sagas literarias ou ilustracións.

"Pouco a pouco queremos ir aumentando o catálogo para ter máis cousas relacionadas coa literatura », indica, todo baixo a súa perspectiva de «crear algo diferente e moi persoal".

Todos os materiais e procesos que empregan son respectuosos co medio ambiente e veganos. "Todo o que facemos é libre de crueldade animal", sinala, para lembrar que é precisamente un coello a insignia que representa aqueles produtos para os que non se testou con animais.

Son tamén dous coellos os seus, máis que animais de compañía, "compañeiros de vida", e é unha lebre a elexida como logo e nome da súa empresa, no que se mestura Lebre de Marzo, personaxe en Alicia no País das Marabillas, cunha referencia á súa filla, que naceu en abril e por iso o nome resultou Lebre de Abril.

Comentarios