A praia de Arealonga do Vicedo caracterízase por ser grande, ten unha lonxitude de máis dun quilómetro, estar abrigada e ter unha area branca e fina. Dende ela pódese ver toda a ría e conta cun respaldo boscoso e unha zona de paseo que a comunica coa desembocadura do río Sor. Un paraíso natural na comarca e un dos lugares que máis lle gusta a Jesús Manuel Martínez no concello.
"É un areal moi grande e aínda que haxa xente sempre hai un recuncho no que podes estar só sen meterte na masificación que teñen o resto de praias do concello, nas que moitas veces tes que pedir permiso para poñer a toalla", asegura este electricista que ademais é dende hai 32 anos voluntario e responsable da agrupación de Protección Civil "porque me gusta senón non tería aguantado tanto que ás veces sentes a tentación de deixalo".
Precisamente o seu labor á fronte da agrupación dalle unha idea da xente que se pode xuntar nos meses de verán nos areais e os problemas que isto pode acarrear, por iso tamén lle gusta Arealonga porque ten "un acceso sinxelo e un aparcamento cómodo". "Desde a LU-862 ten unha zona pola que te metes na carretera vella e a 30 metros xa estás na praia e pola ponte do Barqueiro tamén tes un bo aparcamento", explica. Algo que sen dúbida é un valor engadido para un areal nun concello que viviu un verán con moita afluencia de visitantes: "Este verán foi incrible, ata mediados de agosto houbo moitísima xente".
Non lle resultou sinxelo a Suso quedarse cun recuncho no Vicedo porque "hai moitos sitios" en plena natureza que son espectaculares, empezando por calquera dos areais ou o Fuciño do Porco, por exemplo. Pero o segundo que se lle vén á mente nas súas preferencias persoais é o río Sor. "Polo río arriba hai sitios moi bonitos, de feito unha das atraccións do verán que organiza o Concello son as subidas en kaiak polo río. Eu teño subido coa lancha de Protección Civil e é precioso", recoñece.