martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

"Ata que abra a hostalería estamos perdidos"

José Manuel Verdeal reparando nasas co seu pai na chabola do Segundo Pajarito, no porto do Vicedo.
José Manuel Verdeal reparando nasas co seu pai na chabola do Segundo Pajarito, no porto do Vicedo.
Os mariñeiros ven os prezos do peixe baixos en orixe e logo moi altos para o consumidor. "Aprovéitanse de nosoutros", din pescadores da baixura como os do Segundo Pajarito

Pasa no peixe dos barcos de altura e ocorre coas capturas das lanchas da baixura. Os prezos que eles obteñen en lonxa son ínfimos respecto aos que se ven nas pescaderías ou supermercados. Antonte un motorista de Gran Sol queixábase de que a merluza do pincho estaba á venda en Viveiro entre 16,90 e 23,25 euros e ese mesmo día pasara por lonxa a 2,40 euros, "e ninguén fai nada ao respecto". Ás veces a situación é similar ata coa froita, onde o quilo de pementos roxos chega a custar 4,50 euros, para escándalo dos agricultores.

"Aprovéitanse de nosoutros", recoñecían hai unas datas os mariñeiros do Segundo Pajarito, lancha do Vicedo, mentras reparaban unhas nasas. O peixe baixou moitísimo de prezo a finais de abril, supoñen que debido a ter menos cartos a xente no peto e, como agora se sabe, pola entrada masiva de peixe importado e tirado de prezo.

José Manuel Verdeal sinalaba que "acabamos a campaña da xarda, valeu menos pero polo menos fomos ao mar e puidemos facer algo. Ata que abra a hostalaría estamos perdidos. Quen o ía dicir, pechan os bares e restaurantes e non nos valemos".

O seu asombro é que en plena crise, con menos cartos a xente, suban os comestibles: "A froita e todos, cada día teñen prezos novos". Agora andan traballando ao congro e di que pasaron de vendelo a dous euros o quilo, a tan só un, á metade, polo que optaron por non ir ao mar algún día. Mellor reparar aparellos que traballar de balde. "Quen compra, os intermediarios, aprovéitanse da situación", opina.

O parón da hostalaría é moi duro para a pesca de artes menores, onde traen peixe fino que antes valía e agora hai que rebaixar moitísimo. "Os restaurantes para nós eran fundamentais, como non reabran imos moi mal, pois o variado é o marisco ían para eles; abriremos o percebe en xuño pero como non haxa a quen vendelo, a ver que facemos, isto do coronavirus pegounos un pau a todos", di Verdeal, que traballa a bordo con seu pai.

"Aquí os gastos suben e hai que ir largar, nós temos o barco pago pero a quen o coronavirus o pille cunha letra de mil e pico euros, non lle quero un conto, o que está de vello aínda vai indo, pero os novos...". Todo se achica menos a faena, porque hai que traballar igual. Mentres revisa as nasas, apenas recoñece que o prezo do polbo aínda vai aguantando: "Baixou algo -di-, pero non tanto, porque boa parte se está conxelando.

A realidade do mar son prezos baixos e pouca perspectiva de axuda: "Os autónomos levamos un pau moi grande, penso que tamén no mar deberían axudarnos igual que están facendo coa agraria, pero non son optimista sobre que alguén vaia botarnos un cable".

"Ata que abra a hostalería estamos perdidos"
Comentarios