Apoio provincial ao espectáculo ecuestre da Feira do Trece de Carballido

O espectáculo incluirá narración e música con seis cabalos de pura raza española, unha egua e un poni
José Tomé coa comisión da Feira do Trece de Alfoz. DDL
photo_camera José Tomé coa comisión da Feira do Trece de Alfoz. DDL

O espectáculo Duende Ecuestre da Feira do Trece de Carballido terá unha axuda de 3.200 euros para a contratación do evento dentro do programa do feiral, que se celebrará o sábado 17 de xuño. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da asociación de veciños San Sebastián de Carballido de Alfoz, Jesús Paz Pumares, anunciaron o acordo.
 
Tomé puxo en valor que esta será a primeira vez que este espectáculo, que combina doma e baile ecuestre, estea en Alfoz, o que de seguro será “un gran reclamo que completará o programa que a asociación ten preparado para todo o día”. Así mesmo, Tomé Roca subliñou o pulo que esta cita colleu dende que esta asociación veciñal a recuperou no 2018, tentando emular as feiras que acollía o Lugar do Trece hai máis de 30 anos, sendo unha das máis punteiras da zona.

A tenente de alcalde de Alfoz, Arantxa Incera Ares, e o concelleiro de Deportes e membro do colectivo veciñal, César Marrube Novo tamén estiveron no acto de presentación na Deputación.

O espectáculo incluirá narración e música con seis cabalos de pura raza española, unha egua e un poni. Dentro dos números que se poderán ver, contarase con varias actuacións de Sandra Borjas, campioa mundial de exhibición de cabalo de pura raza no Sicab 2021.  

Ademais, a feira pola mañá incluirá exhibición de gando vacún, cabalar, porcino e aviar, contando coa presenza de razas autóctonas; e tamén haberá á venda maquinaria agrícola, artigos de artesanía e produtos agroalimentarios da zona. Haberá música de batukada, dj e un xantar de confraternidade.  Xa pola tarde farase a entrega de premios da feira, así como un sorteo de agasallos. A cita rematará cunha cea e verbena.

Comentarios