miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

Apicultura, unha saída laboral no eido rural

Antonio Martínez, no seu apiario do Barqueiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Antonio Martínez, no seu apiario do Barqueiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
O vicedense Antonio Martínez instalou apiarios no Barqueiro e Ourol cos que aspira a distribuír mel dende Cariño a Cervo

O vicedense Antonio Martínez Pernas estableceuse hai catro anos e medio como apicultor e é unha mostra máis de que a apicultura pode ser unha saída laboral no agro galego máis aló de ter colmeas para o consumo propio como acontece en moitos fogares. Estudou Xestión e Organización dos Recursos Naturais e di que, polo momento, sobrevive deste oficio, ao que está vencellado dende hai catorce anos, os mesmos que leva coa súa parella, que é a terceira xeración dunha familia de apicultores do Barqueiro, en Mañón. Aprendeu axudándolles a eles, aínda que ata hai pouco enforcárase máis á bioloxía e non pensara na apicultura como unha alternativa profesional. "Pasa moito en Galicia, vémola como unha actividade complementaria", di e pensa que hai que ter coñecementos, sobre todo do manexo e das doenzas. 

Martínez ten apiarios no Barqueiro e en Ourol, onde puxo varios para fuxir dos ataques da vespa velutina. Comprou algún terreo e un veciño que tivera abellas deixoulle "un campo sen coñecerme de nada, foi unha sorpresa". O principal inimigo das abellas é a barroa, un ácaro, que mata arredor do 50 ou do 60% das colmeas. "Pousase encima delas cando van polo polen e lévano para a colmea. É coma unha pulga que lles chupa o sangue, polo que é obrigatorio facer mínimo un tratamento anual". E para rematar a faena, chegan as velutinas con fame cara a finais de ano. 

DEMANDA. A súa produción comercialízase baixo o nome de Mel do Xantar. Vende ao detalle dende Cariño a O Vicedo. A súa intención é potenciar o produto de cercanía chegando ata San Cibrao (Cervo), límite que se marca para a distribución. Tamén vende a granel bidóns de 300 litros para envasadoras. "Hai unha demanda enorme de mel, pero os pequenos clientes hai que coidalos porque se lles fallas un ano, chega outro provedor e non volven facilmente", recoñece. Agora que xa cumpriu o plan empresarial e ten 300 colmeas aumentará a produción e quere chegar ás 500. Cálculase que cada colmea pode ter entre 40.000 e 50.000 exemplares. "Un compañeiro di que se trata de quitar para vivir, non para sobrevivir, pero de momento estamos sobrevivindo", asegura. 

Este apicultor confesa que lle chamou "a atención que a xente aprecie tanto o mel caseiro, sempre parece que colle o primeiro, pero non é así". As súas abellas producen un multifloral escuro, sobre todo de silva, breixo e castaño, aínda que no Sixto tamén intenta quitar o monofloral de breixo a finais da campaña. 

A orientación das colmeas ten que ser soleada, ao sur e sen moito vento nin humidade. Ademais teñen que estar separadas do solo para evitar enfermidades, situarse en zonas con potencial de flor e sen outros apiarios preto, porque "senón, non hai pasto para todas", bromea. 

PICADURAS. Os apicultores por moi profesionais que sexan non se libran das picaduras das abellas. "Moitas veces pican por exceso de confianza", recoñece Martínez, que pensa que "se es alérxico, é mellor dedicarte a outra cousa porque é un risco", e engade que hai zonas máis sensibles, como os nocellos. Tampouco é sempre igual: "Hai días que están máis ariscas polo tempo ou a falta de comida". 

Nos apiarios tamén hai que evitar que enxameen. "Chega un momento no que as raíñas completan a caixa de ovos e se non teñen onde poñer, empezan a desesperarse e as obreiras crían raíñas novas. Cando están a punto de nacer, a vella vaise con parte da colmea e iso non interesa. Podes collela para outra caixa baleira". Antonio conta que nesta época do ano tentan que non enxameen "para que non se vaia a metade da colonia cando está a punto de empezar a tempada do castaño e da silva. Cada seis días tes que revisar todas as colmeas, hai que darlles espazo para expandirse".

Apicultura, unha saída laboral no eido rural
Comentarios