EN COMPAÑÍA DE ANIMALES

"Ao ver xente cunha bolsa, achéganse á carreira"

Moitas familias suben a San Roque ver os burros e darlles pan. A comunidade de montes busca nome para a femia máis nova
Carlos Méndez e Manuel Insua, cos burros que a comunidade ten na reserva habilitada en San Roque. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Carlos Méndez e Manuel Insua, cos burros que a comunidade ten na reserva habilitada en San Roque. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Cinco adultos e unha cría de burros de raza galega tradicional habitan no parque da comunidade de montes de San Roque, en Viveiro. Os primeiros chegaron hai máis de oito anos, unha parella de tres anos, á que seguiu outra de 4 e 5 anos. "Non crían tódolos anos, senón teriamos que desfacernos deles, porque é moito gasto", sinala o presidente da comunidade, Carlos Méndez. Mercáronos a gandeiros que van a feiras. Dende aquela naceron dous, un ten dous anos e outro dous meses.

Teñen libro, microchip e tamén nome, agás o máis novo, que é femia, pois dispoñen de seis meses para inscribilo, Elas chámanse Luna, Bela e Lúa, e eles son Sol e Farruco. Os ponis Cuca e Andrés tamén teñen nome, igual que os mastíns Roki e Tula.

Suxeriron aos nenos que propoñan nome e escollerán o máis votado. Poden apuntalo no parque ou comunicalo a través da páxina web. Os burros chaman a atención de cantos visitan San Roque. Moitos pais suben cos nenos que lles dan pan. "Failles gracia porque bótanlles o beizo á man e eles aproveitan para pasárllela pola caluga. Pásanlles a man pola cabeza. O ñandú tamén se achega, pero pode pegarche un picotazo, polo que puxemos uns comedeiros para que poidan darlle e velo a medio metro", explica.

Os burros reciben moitas visitas, sobre todo no verán. "Están afeitos á xente, nada máis vela cunha bolsa, achéganse á varanda, parece como se estiveran mortos de fame, pero non é así. Tan pronto ven a alguén van á carreira. Agora o pequeno é a atracción, ve aos grandes e achégase tamén, non se asustan da xente, senón estarían escondidos. Podes tocarlles dende o valado. Cando o parque de aventura funciona temos unha zona acoutada para eles, para que non anden polo medio dos cativos, pero teñen espazo de sobra".

Son socios da cooperativa Os Irmandiños, onde surten penso para cada especie. Gastan máis de 4.000 euros ao ano de penso e 1.500 de herba seca, que custean co que xera o monte pola instalación de aeroxeradores eólicos, antenas de telefonía e coa venta de madeira. Tamén pagan o mantemento da área recreativa, o operario que teñen a xornada completa e os gastos do veterinario, que fai visitas regulares.

O parque arrincou en 1997 cos primeiros gamos, despois viñeron o resto das especies.

Comentarios