Pecha o Antuxo de Rececende e A Pontenova perde un anaco da súa historia

O ultramarinos foi lugar de reunión, centro de conversa, desconexión despois de traballar e punto de referencia como tenda
binary comment
photo_camera Consuelo, diante da tenda. EP

Cerra Antuxo. Esta frase non necesita explicación no concello da Pontenova nin noutras localidades próximas. Pero o peche desta tenda de ultramarinos do lugar pontenovés de Rececende si precisa de contexto para o resto do mundo. Antuxo foi lugar de reunión, centro de conversa, desconexión despois de traballar e punto de referencia como tenda. Uns grandes almacéns no rural lucense. Incluso se convertía en parada de autobús escolar, o punto onde os nenos e nenas esperaban para ir á clase, sobre todo no inverno, a cuberto do frío e a choiva.

En Antuxo podíase mercar unha carretilla ou un quilo de carne, unha bolsa de laranxas ou unha presada de puntas, roupa interior ou un sacho, un portalámpadas ou unha funda. Un pícaro saía máis contento que do Toys'r us cunha pelota, un conto para pintar -e as correspondentes cores- e un 'Mikolápiz'. Xa era o máximo se o 'Mikolápiz' levaba premio. E se algo non había esta semana, ese baleiro estaba cuberto na seguinte. "Alí comprei as miñas primeiras botas de fútbol sala. Para calquera cousa que che fixese falta podías ir porque había de todo". Quen fala é Agustín, un neno, hoxe adulto, que medrou en Rececende.

Generated by  IJG JPEG LibraryFoi Pepe Alonso, falecido en 2016, quen abriu o negocio hai 59 anos e dende hai 55, cando casaron, Consuelo Leivas pasou días enteiros detrás da barra. Nunca un mal xesto. Nunca unha mala palabra. "Sempre foi moi agradable; xamais vin que Consuelo dera unha mala contestación", asegura Raquel de Felipe, unha das clientas fixas. Non descansaba nin para comer a mediodía. A única alegría de que a taberna cerre as portas é o merecido descanso da súa dona despois de máis de medio século.

Neste tempo, os hábitos da xente cambiaron, como se pon de exemplo nas vendas. "Antes había moita demanda de sal na época da matanza, pero agora case non quedan casas que críen cochos. Agora véndese bastante froita e tamén leite", explica Consuelo. Antes o leite non era preciso mercalo, dábano as vacas na casa. A venda de viño tamén cambiou, de levalo en garrafas de 16 litros, hoxe véndese en botellas de 1.

Mirar cara a atrás resulta inevitable. E volven as imaxes de Maximiliano sentado no banco, Azucena do Valego, Evilasia ou Segunda facendo a compra ou tamén Paquita, Legaria ou Angélica do Correo entrando pola porta. O trato era o propio destas tendas de proximidade, coa xente que se coñece de toda a vida. "Xa sabía máis ou menos o que compraba cada un e intentaba ter os produtos que me pedían", asegura Consuelo.

Sempre foi un lugar de costumes. Tamén nos últimos tempos. Todos os días compraban o Progreso Felipe e Suso de Reagal, Pepe do Cueiro ía tomar o café, un grupo de traballadores paraban para tomar un chato ao saír do choio e seguían indo á compra, como toda a vida, Mercedes de Rita, Carmen de Leibón ou Azucena de Marrote. Tampouco pasaba Consuelo sen a visita das nenas de Amparo -aínda que esta tradición seguirá-. Todos e todas elas son veciños e veciñas cuxos nomes propios son representativos de todas as persoas que tiveron algún tipo de contacto con Antuxo durante os seus anos de actividade con máis ou menos frecuencia.

En Rececende chegou a haber ata tres tabernas. Nos setenta e nos oitenta, hai nada, o lugar bulía de vida e hoxe cruza os dedos para recuperar o alento. O panorama deu a volta en pouco tempo.

Generated by  IJG JPEG LibraryO peche de Antuxo ten un efecto inmediato para a clientela de cada día. Pero as súas consecuencias van máis alá como parte dun fenómeno global, o dun rural que esmorece fronte ao poderío do mundo urbano. Tan só un 15% de galegos e galegas vive en concellos de menos de 5.000 habitantes, segundo o Instituto Galego de Estatística. O debate está sobre a mesa: salientamos do rural o romanticismo ou o traballo duro e sacrificio que esconde? Destacamos do urbano a fartura que promete ou a incerteza e a precariedade que agroma? A crónica de Antuxo é un acontecemento local, pero o seu eco é universal.

Lonxe de discusións, o balance de Consuelo é máis que positivo. "Teño un bo recordo de toda a xente. Sempre intentei levarme ben con todos e non tiven, que eu saiba, ningún problema con ninguén. Só podo darlle as grazas a todo o mundo"».

Comentarios