Antonio Veiga é o novo responsable do BNG na Mariña

Os nacionalistas insisten na necesidade da intervención de Alcoa e nunha solución para Vestas, ademais de pedir un plan de industrialización para a comarca con inversión en infraestruturas
BNG internet
photo_camera Nacionalistas da Mariña reunidos en Foz. EP

O novo responsable do BNG na Mariña é o barreirense Antonio Veiga Outeiro, que encabezará a executiva comarcal xunto á xovense Pilar Vázquez, que exercerá de vicerresponsable. Na nova dirección séguenlles Mario Pillado Mon, Miriam Bermúdez García, Daniel Castro García, Mónica Freire Rancaño, Xorxe Caldeiro Díaz, Montserrat Porteiro Sánchez e Ana Ermida Igrexas.

O consello comarcal complétase con representantes de todas as localidades. Esta proposta de directiva, formulada polo consello comarcal saínte, foi aprobada por unanimidade pola asemblea comarcal. 

Desde o BNG márcanse como obxectivo inmediato o traballo diario na liña que viñeron desenvolvendo ata o de agora e insisten na necesidade da intervención de Alcoa e en darlle unha solución ao conflito de Vestas. Ademais consideran necesario un plan de industrialización e reactivación económica para a comarca, que implique aos gobernos central e autonómico e inversións en infraestruturas "estratéxicas e xeradoreas de emprego”.

“Nunha comarca, a nosa, donde os investimentos da Xunta e do Estado nunca foron directamente proporcionais aos nosos recursos, ás nosas potencialidades e ao noso traballo, e donde os sectores produtivos agrogandeiro e pesqueiro sufriron e sofren tamén as consecuencias de anos de abandono por parte do Estado e da Xunta”, afirman. 

A Mariña tamén contará con catro representantes na dirección nacional do partido. Serán Ana Ermida, Daniel Castro, Antonio Veiga e Pilar Vázquez. 

Comentarios