Antonio Reigosa: "Este mundo navega entre o real e mailo imaxinario e fantasioso"

Esta semana publícase o novo libro de Antonio Reigosa, ‘Cen historias máxicas pola Mariña encantada’ no que, a través dunha "especie de antoloxía e mitoloxía popular", póñense de manifesto unha serie de lendas que conforman a cultura popular da Mariña lucense
O escritor mindoniense Antonio Reigosa. AEP
photo_camera O escritor mindoniense Antonio Reigosa. AEP
ANTONIO REIGOSA (Mondoñedo 1958) saca á luz un novo libro co que pretende divulgar as lendas, mitos e ritos cos que se chegou a formar a cultura popular da Mariña lucense. Cen historias máxicas pola mariña encantada, que conta co selo editorial de ‘LAR Libros’, recolle historias coñecidas, ou non tan coñecidas, da Mariña de Lugo onde aparecen seres fantásticos, mariños, lugares máxicos, santos ou heroes, que co paso do tempo, como di o autor na páxina de presentación do libro, fixeron que ‘A Mariña se fose facendo así, aos poucos, o que hoxe é, un Paraíso!’

Con este libro pretende recuperar historias ou tradicións da comarca?
O libro é unha especie de antoloxía e mitoloxía sobre a cultura popular dos quince municipios que forman a Mariña central, occidental e oriental. Máis que recuperar, a intención é divulgar o patrimonio da literatura oral, que é moi importante, para que a xente o coñeza.

Estas historias máxicas poderían ser, en certo modo, unha homenaxe a Cunqueiro?
Cunqueiro foi un xenio capaz de darlle una nova visión á mitoloxía a través das lendas populares. Escribiu sobre moitas cousas, pero estas lendas foron a materia prima coa que levou a cabo as súas obras.

Dentro do termo de Mariña encantada, que historias costeiras ou mariñeiras elixiu?
Hai bastantes. As primerias que destacaría serían a da Cova da Doncela en Viveiro ou a da serea A Maruxaina. Tamén cabe destacar a lenda de San Gonzalo e o afundimento dos barcos na bahía de Foz, ou historias sobre vilas agochadas no fondo do mar como en San Miguel de Vilachá, en Barreiros.

Ademais da serea A Maruxaina, hai algunha lenda máis sobre estes seres fantásticos?
Na costa de Lugo non hai tantas referencias ás sereas como no resto de Galicia. A lenda da Maruxaina eclipsa todas as demais ao ser a que máis peso ten. Sen embargo, si hai mencións a outros seres mariños, como poden ser as lavandeiras, personaxes relacionados co mundo da morte.

Tamén fala de santos miragreiros. Que historias recolle neste apartado?
Igual que no resto das historias, hai un pouco de todo. Poderíase destacar Santo Estevo do Ermo en Barreiros, onde se reflicte toda a mitoloxía asociada a este enclave. É un lugar no que hai unha fervenza con augas curativas, a pisada do cabalo de Santiago... Non é unha referencia única, senón o conxunto dun lugar encantado. Tamén está a lenda do Conde Santo, que navegou polo mar desde Palestina, ou unha lenda sobre a Virxe dos Remedios en Mondoñedo, na que sucederon varios prodixios debido á súa intervención, ou a da Cova de San Xoán Vello en Viveiro, onde se di que estaba a primeira igrexa adicada a San Xoán na parroquia de Covas.

Na Serra do Xistral fala duns seres chamados "pagaíños". Que son exactamente?
Pagaíños é un nome curioso, singular e único en Galicia. Aínda que as súas características son as dos mouros da mitoloxía popular galega, asociados a lugares onde hai xacementos antigos, neste caso concreto, no Concello de Alfoz, hai unha terminoloxía diferente. Pagaíños ven do mundo pagán, que non é cristiano, e refírese a deuses ou adoradores dos precristianos. En definitiva, son seres máxicos e invisibles capaces de causar transtornos aos humanos coa súa maxia.

Tamén inclúe personaxes históricos como é o caso de Pardo de Cela. Que quere resaltar con eles?
O de Pardo de Cela é un caso singular, dun personaxe real que pasa a ser mitificado. Estaba condenado a morte, e unha vez que o matan pasa a ser unha divinidade á que se lle atribúen capacidades similares ás dos magos. Algo similar ocorre con Nicolasín dos paus, que tras sobrevivir a un naufraxio e aparecer nunha praia agarrado a un pao, vai polo camiños recollendo paus e levándoos ás costas. Trátase dun personaxe totalmente real, non como San Gonzalo, que non se sabe si realmente existiu.

Conta coa colaboración do escultor e pintor Neira Brochs para representar estes seres e lugares máxicos. Considera que as ilustracións son un valor engadido para as historias?
A ilustración é a primeira lectura e a segunda redacción dunha obra. A través de imaxes gráficas reescríbese o texto. Neste caso, ademais do longo percorrido que ten Neira Brochs e de ser coñecedor das tradicións populares da Mariña, a súa colaboración foi moi importante ao tratarse de historias imaxinarias. As imaxes axudan ao lector a idealizar personaxes ou mitos que se retratan no lendario. Desta forma poden facerse á idea de como era ese ser máxico.

Comentarios