Antonia Díaz e Luís Trigo Chao 'Gardarríos' recibirán o día 23 unha homenaxe en Lourenzá e Mondoñedo

Os plenos laurentino e mindoniense, e o de Ribadeo sumáronse por unanimidade aos actos en recordo do famoso guerrilleiro mariñán e á súa compañeira, mortos a tiros pola brigadilla en Lourenzá, na posguerra. Música, poesía, mesas redondas e a inauguración dun monólito completan a xornada de lembranza aos loitadores antifranquistas

A Comisión popular pro homenaxe a Antonia Díaz e a Luís Trigo 'Gardarríos' deu a coñecer hoxe o programa de actos cos que lembraran aos loitadores antifascistas asasinados polo franquismo o 25 de xuño de 1948 en Vilanova de Lourenzá. Segundo sinalou Xosé Luís Fernández Rivera,  membro da comisión organizadora da conmemoración, "o obxectivo dos mesmo e facer xustiza con todas aquelas persoas que coa súa loita en condicións moi difíciles fixeron posíbel avanzar cara unha sociedade democrática e deixar testemuño do seu exemplo e do seu compromiso a fin de que se perpetúe e chegue a aquelas xeracións máis novas".

Segundo a nota de prensa, o programa de actos arranca cunha mesa redonda titulada Luís Trigo, a loita dun rebelde que se celebrará o sábado 23 ás 12:00 horas no auditorio municipal de Mondoñedo. A intención deste acto é contribuír a un mellor coñecemento da súa figura en diversos períodos e facetas da súa vida, contando nela con persoas estudosas e coñecedoras da súa obra. Así na mesma, participarán Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo, Odette Martínez, investigadora do Centro da Memoria da Universidade de Montpellier, Xosé Ramón Ermida, estudoso do período republicano na zona, Bernardo Máiz Vázquez, investigador da guerrilla antifranquista en Galiza Carlos Nuevo Cal, especialista da guerrilla na Mariña e Francisco Martínez 'Quico', un dos últimos guerrilleiros antifranquistas galegos vivo.

A xornada terá continuidade ás 17:30 do propio sábado 23 no cemiterio de Vilanova de Lourenzá, lugar onde foron enterrados Luís Trigo Chao  e Antonia Díaz Pérez, onde se erguerá un monólito en lembranza dos homenaxeados e que garde testemuña para o futuro do lugar onde xacen os seus restos. No acto de inauguración do monólito tomaran a palabra Xosé Luís Fernández Rivera, en representación da comisión organizadora, Francisco Martínez Quico, compañeiro de loita de Luís Trigo e Antonia Díaz, e Fernanda Cedrón, neta de Luís Trigo. O monólito será financiado por unha subscrición popular tendo a comisión organizadora á venda uns bonos axudas dunha contía de cinco euros para aqueles que queiran colaborar co mesmo.

A homenaxe rematará cun recital poético musical en lembranza de Luís Trigo e Antonia Díaz que se celebrará no propio cemiterio de Lourenzá após a inauguración do monólito e no participaran  os poetas e músicos Lois Diéguez, Baldomero Iglesias David Otero, Xosé Abella, Xaime Oroza, Toño Núñez, Luciano de Monfadal, Lino Rico, Miguel María Xosé Lamas, María Xosé Fernández, Iolanda Aldrei e Esperanza Pérez. A organización colocará cadeiras no cemiterio de Lourenzá para que a xornada sexa máis levadeira para os presentes, previndo a posibilidade de traslado do mesmo ao salón de actos da casa do concello en caso de choiva.

Xosé Luís Fernández Rivera quixo facer "un chamamento a todas as  veciñas e veciños da comarca a que se sumen a esta xornada de lembranza a dúas persoas que deron a súa vida para construír un mundo mellor e coa que sociedade  actual ten contraída unha débeda pola súa xenerosidade e entrega". Ao tempo amosou "o agradecemento a todas aquelas persoas e entidades que nos están prestando a súa colaboración e nos fixeron chegar o seu apoio".

Más en A Mariña
Comentarios