jueves. 05.08.2021 |
El tiempo
jueves. 05.08.2021
El tiempo

Ana Ermida: "Haberá que ver a verdadeira situación do urbanismo"

Ana Ermida, en un pleno de Barreiros. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Ana Ermida, en un pleno de Barreiros. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A alcaldable do BNG en Barreiros recoñece estar aínda algo abrumada pero moi contenta coa resposta que está atopando na xente

Di que aínda non acaba de crer de todo que gañou as eleccións, pero que xa vai notando na rúa que a xente está "como máis liberada, noto máis ilusión e o cariño da xente. Ó millor é habitual, pero como nunca gañara, pois non o sei".

Como vivíu a noite electoral?
Bueno... É un concello difícil e aínda que íamos ben sabía que no último momento todo se podía torcer. De feito xa nos pasara hai catro anos porque hai moitas variables. Custábame visualizalo. Aínda me custa agora.

Non se lle escapa que hai enriba da mesa un problema urbanístico.
Claro. Temos que ver cal é a verdadeira situación do urbanismo. Como está o Plan Xeral e outras cousas máis. Tamén en materia económica. Penso que é necesario facer unha auditoría para coñecer a situación real da economía do Concello porque moito me temo que non é a que se nos está a dicir, e iso é fundamental para saber o que podemos e o que non podemos facer. Ah! E que a xente o saiba, claro. Cando a teñamos farémola pública, iso por suposto.

Bótase enriba o verán, un tempada complexa nun concello como Barreiros.
A votación de alcalde é o día 15 de xuño. Quedarían dúas semanas para arrancar xullo, así que vai haber que preparar todo de forma paralela a outras moitas cousas. Veremos o que se pode facer. Vai ser fundamental como nolo deixen todo e desde logo só podo dicir que esperamos que o deixen millor do que estaba o ano pasado.

Pensa recuperar as bandeiras azuis?
(Sorrí) Penso recuperar as condicións para que as nosas praias poidan ter as bandeiras azuis: bos acesos, servizos... Dito isto, está claro que as bandeiras son un recoñecemento de calidade e penso que son interesantes para Barreiros.

E o concurso de castelos de area?
Si, si. Isto é algo que andivo para adiante e para atrás. O Concello fíxoo uns anos e outros non. Para nós é algo que é unha marca de Barreiros, significativo. Teñen que coñecernos por cousas boas.

Leva anos e anos incidindo na importancia do rural. Que lle di aos veciños da zona sur?
Hai que traballar moito alí. Teñen que ter boas comunicacións. Non pode ser que estén sen o saneamento iniciado a estas alturas. Hai que facer algo como se poida: bolsas verdes... Non sei, algo que funcione, e xerar movemento veciñal porque non hai nada feito.

Ana Ermida: "Haberá que ver a verdadeira situación do urbanismo"
Comentarios