"Os amenceres en Punta Merceira insuflan enerxía"

Rubén Rábade elixe este punto do concello do Vicedo como o seu recuncho na comarca
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Rubén Rábade, con Punta Merceira ao fondo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Chegar ata Punta Merceira non é sinxelo, pero a panorámica da costa que ofrece este punto do litoral do Vicedo merece a pena. De feito, este lugar é o recuncho que elixe neste concello Rubén Rábade, service engineer nunha multinacional sueca do sector da alimentación e presidente da asociación de veciños de San Román. Para chegar ata ela, dende a LU-862 hai que seguir a sinalización do Camiño Natural do Cantábrico e dende esta ruta tomar un desvío á dereita por un camiño sinuoso, descendendo e franqueado por matogueira baixa.

Pero ao chegar alí, "tense unha panorámica que abarca desde a costa de Xove, co seu faro; os illotes de Os Netos; a punta do faro marcando a entrada á ría de Viveiro; a silueta do dragón durmido, o actual Fuciño do Porco; e a cruz en memoria do balandro Drácula afundido no verán de 1957 nestas costas ata a visual da praia de San Román, que observala en marea baixa en período de plenilunio un día solleiro, desde Punta Merceira é un pracer para a vista", explica Rubén, que subliña que cada pasada coa ollada ás distintas partes do litoral que dende alí se poden ver é un auténtico luxo para os sentidos.

"Unha observación interesante tamén, aínda que non exclusiva deste lugar, é o movemento que se observa no sol ao longo do ano, entre o solsticio de verán e o de inverno, cando este atravesa cada día o plano do horizonte e entra no teu campo visual" afirma e recoñece que son "amenceres que insuflan enerxía".

Ademais Rubén destaca que Punta Merceira é un lugar no que "dependendo da época do ano, a climatoloxía e os ventos predominantes, permite observar estampas cambiantes", polo que cada visita que se poda facer a este punto "é diferente".

Para Rubén, Punta Merceira tamén é especial porque garda recordos de cando de neno ía pescar a aquela zona co seu pai: "Polo xeral colliamos peixes de roca como maragotas, pintos e farros".

Comentarios