O recuncho de...

"Os amenceres na praia do Cantiño son espectaculares"

Yolanda Baamonde elixe o último dos areais de Burela, xa no límite con Foz, como o seu recuncho no municipio
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Yolanda Baamonde, na curva sobre o Cantiño coa Aroura ao fondo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A praia do Cantiño é a última de Burela, xa no límite con Foz e pegada á Areoura, coma se fora a súa irmá pequena. "É unha praia recollidiña e acolledora", asegura a burelá Yolanda Baamonde, dependenta e presidenta da asociación Arume, dun areal que coa marea alta desaparece e cando o mar se vai a area mantén a humidade. "É a miña praia en Burela, o meu recuncho especial", recoñece Yolanda, que ademais desvela que nas rochas que a rodean hai una ducha natural: "Aproveitando a auga que cae pola rocha, alguén colocou unha especie de cano e métome debaixo para sacar as areas". 

Non é de agora esta predilección de Yolanda polo Cantiño, xa de nena a frecuentaba. "É un lugar moi especial que me trae moitos recordos da infancia e de ir alí con xente que quero moito", asegura. Daqueles anos garda moitas anécdotas: "Recordo ir nadando cos meus amigos ata a Areoura, onde sabíamos que estaban o resto". Iso cando non estaba a marea baixa e se podía pasar ata a praia focega sen ningún problema pola area. 

Outro dos encantos do Cantiño son os amenceres que Yolanda califica de "espectaculares". "Se te colocas xusto na curva que fai o paseo nesa zona, antes de entrar na praia, e miras cara a Foz co sol baixo e grande é unha imaxe preciosa", afirma Yolanda, que recoñece que as vistas son "moi bonitas" en calquera momento do día. 

Esta praia é unha das visitas obrigadas que planea Yolanda cando alguén está de visita en Burela. Esta e tamén a zona alta do porto, "que ten un encanto especial e a min tamén me gusta moito". "O hórreo que hai na zona e as casas conservan a esencia de Burela e é unha pena que non estea totalmente restaurada porque é un espazo moi singular cunhas vistas moi bonitas", asegura e remarca que o mural que recentemente se elaborou no muro da antiga conserveira en homenaxe á muller do mar "é espectacular". 

Comentarios