Amparo Vizoso: "Sería estupendo formar grupos de apoio a coidadores"

Coidar dunha persoa maior é unha tarefa que ocupa as 24 horas os 365 días do ano e sen vacacións, por iso é importante contar coas ferramentas necesarias para xestionar todas as emocións que se desencadean e non caer en episodios de ansiedade ou depresión
Amparo Vizoso García, psicóloga. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Amparo Vizoso García, psicóloga. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Os concellos de Barreiros e O Valadouro, xunto co centro de día Aloumiños de Foz, van desenvolver o programa Coidarte(te), dirixido a todas aquelas persoas que coidan, de maneira informal, aos seus familiares maiores. Amparo Vizoso García é a psicóloga que dentro do programa se encargará de darlles aos participantes ferramentas para xestionar emocionalmente os sentimentos aos que se enfrontan.

Que necesidades teñen estas persoas coidadoras?
Adoitan ter dudas e inseguridades e, sobre todo, a sensación de que están sobrecargados. Unha das súas necesidades principais é o autocoidado porque moitas veces esquécense deles mesmos por destinar todos os esforzos a velar da persoa dependente.

E como se pode desenvolver ese autocoidado?
Unha das premisas máis importantes é que hai que ter unha vía de escape para poder coidar mellor. Non podes dedicar todo o tempo que tés a coidar desa persoa porque, se enfermas ti, quen vai coidar dela? Iso é algo que teñen que entender. É importante tamén que organicen o tempo para contar con algún momento para eles, aínda que sexan só cinco minutos. Tamén deben saber detectar os sinais de alerta, saber ‘cando se están queimando’ e cando o estrés xa non é sano porque no che axuda a exercer mellor os coidados senón todo o contrario.

Que hábitos persoais debe ter unha persoa coidadora?
É importante que teñan momentos de ocio e expansión, aínda que non podan ser os mesmos que se non foran coidadores. Por exemplo, igual non poden saír da casa pero poden facer unha chamada de teléfono para manter unha conversa agradable con alguén, poden poñer unha serie de televisión que lles guste ou ler un libro. Cousas que poden parecer pouca cousa pero que son importantes porque senón van relegando tempo para eles mesmos e cando se dan conta teñen unha vida frustrante e nada satisfactoria que non lle axuda nada e failles ver os coidados só como unha obriga. Tamén é moi importante non illarse e pedir axuda.

Que sentimentos poden desenvolverse nestas circunstancias?
Hai coidadores con sentimentos positivos, como o da satisfacción por poder atender na casa a un familiar. Pero moitas veces os que se acaban desencadeando son sentimentos negativos como o enfado, o medo a non estar coidando ben desa persoa ou a culpa se se quita tempo do coidado para dedicalo a un mesmo. Por iso é importante que aprendan a identificar esas emocións e saber que son reaccións normais e que o importante é saber xestionalas.

E como debe abordar a relación coa persoa coidada?
É importante que o coidador sepa que tamén ten dereitos e non só obrigas. Non hai que facer as persoas máis dependentes do que son e, sobre todo, hai que aprender a dicir non porque pode pasar que as persoas as que se coida aproveiten calquera situación para ter máis atención e non admitan ningún tipo de cambio ou algúns coidados que serían mellores para eles.

E como afecta o deterioro do enfermo ao coidador?
É importante ter información sobre a maneira en que o deterioro vai ir avanzando para estar preparado e afrontalo doutro xeito. Vai haber tristeza como é lóxico, pero aceptarase doutro xeito si se ten información abonda.

Debería haber grupos de apoio para estas persoas?
Sería estupendo porque o feito de compartir experiencias con outras persoas que están pasando pola mesma situación é moi positivo. Sería xenial que destes cursos saira unha rede de relacións.

Comentarios