Amalia Otero Lamelas: "Saúda, canta ‘Susanita’ e baila movendo o pescozo"

Esta veciña de Celeiro di que coidar dun loro dá traballo; hai que limpalo todo os días e pode chegar a ser obeso ao ser "moi golosos"
Amalia Otero con Curro na súa man. ÁLVEZ
photo_camera Amalia Otero con Curro na súa man. ÁLVEZ

Curro é o segundo loro que ten Amalia Otero, despois de Lori. Sente adoración por el, pois "é o único na casa que me di: ‘Hola cariño, mi amor’". Decidiu ter loros, pois sempre lle gustaron despois de que súa irmá comprase un yaco, pero recoñece que "dan traballo e hai que limparlle a gaiola todos os días", aínda que "se lle pasa algo non sei se pillaría outra ave de gaiola".

De plumaxe verde, ten a cabeza de cor azul e amarela e plumas vermellas e azul oscuro baixo as ás. Di que os exemplares desta raza acostuman a pesar de 450 a 475 gramos: "Comen moito, son moi golosos, sempre están pedindo e poden ser obesos". Para que iso non aconteza, Amalia está de seguido con el no veterinario, que tamén lle corta as unllas.

Curro come cereais, verdura e froita. "Doulla fresca, en trozos pequenos, é o que máis lle gusta. Non pode tomar aguacate, tomate nin chocolate, que son mortais para eles. De premio pide pataca frita cando ve que as estamos facendo". Amalia tamén comenta que é traveso e encántalle que lle acariñen a cabeza. Ademais de saudar canta Susanita e baila movendo o pescozo. Se lle tapan a gaiola non canta e non lle gusta que o amarren co arnés nin que o prendan pola pata.

"Cando fai sol levámolo ao patio, onde temos unha ducha e pónse coma un pito, encántalle bañarse e duchoo tamén cun spray, abre as ás e salpica todo. Ten a plumaxe moi limpa porque báñase moitísimo", di. No verán pasa os días na cabana e sóltano dentro cando están alí para que voe nos seus 45 metros cadrados, e de inverno soben a gaiola ao piso para que non pase frío. Ten un pao con piquiños para limalo pico.

A súa dona, á que lle dá bicos, explica que poden vivir 85 anos. A Curro gústalle que atendan ao que di e cando non o fan, solta un: "Tú, respeta". Tamén lle gusta xogar e ten moitos xoguetes. "Cámbiollos cada pouco porque senón abúrrese, cando ve un que non coñece tembla e vaise".

Cando foron de vacacións unha semana, ao voltar non lle deixaba achegarse á gaiola nin tocarlle: "Botou tres ou catro días enfadado". Cando saen deixan a radio ou a televisión acendidas para que estea entretido. Amalia conta que "cando están tristes arrincan as plumas, que peinan eles mesmos" e se enferman apágaselle a cor da plumaxe.

Nota
Da raza amazonas aestiva, Curro chegou a Celeiro hai menos de dous anos, idade que acaba de cumprir. Comprouno a un criador con tres meses, polo que ten argola pechada, como se fose un pedigrí. Ten todos os certificados, pois de non ser así poderíase incorrer nun delito de contrabando.

Comentarios