Alternativas para explotar a natureza

Hai catro anos xermolou no IES San Rosendo de Mondoñedo a creación de miniempresas dentro do plan Lanzadeiras da Consellería de Educación co apoio da fundación Alcoa e El Progreso. Cada curso xorden proxectos no eido forestal e ambiental
Zona do bosque comestible. CEDIDA
photo_camera Zona do bosque comestible. CEDIDA

Biomondo é o proxecto de miniempresa co que este ano preséntase o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo ao programa Lanzadeiras da Consellería de Educación, que conta co apoio da fundación Alcoa e o xornal El Progreso. O nome xunta o biolóxico coa localidade que acolle a iniciativa. O centro é privilexiado porque conta cunha finca de catro hectáreas onde poder dar renda solta ás inquedanzas dos seus estudantes no ámbito forestal, que como ben di o profesor Miguel Ángel Freire Sitjas está cheo de posibilidades fóra da máis explotada, da madeira.

Calou tanto a iniciativa que xa participan tódolos alumnos do centro, aínda que neste intre son os dos ciclos de primeiro de FP Básica e de primeiro do ciclo superior Forestal os que están á fronte do proxecto, pois os demais –dual e segundo do superior– están no periodo de formación práctica en empresas. O profesorado deseñou as actividades para que colaboren dentro de cada módulo formativo: en aproveitamentos, iniciativa emprendedora ou para a comercialización dos produtos.

Logo das miniempresas de artes florais crearon unha como hospital de prantas para sanalas con tratamentos naturais. A partires daí ampliaron o abano de posibilidades co xardín fitosanitario, as prantas medicinais combinadas coas ornamentais para evitar que xurdisen enfermidades e equilibrar o ecosistema. Así, extraen produtos das prantas para os tratamentos que fan, pero tamén sécanas para facer infusións ou usánas para cosmético. Tamén cultivan esponxas naturais, as luffas, que se usan para exfoliación.

Unha clase. CEDIDA
Unha clase. CEDIDA

Outra das ramas do traballo que desenvolve o centro é o bosque comestible, con aproveitamentos en distintos estratos e no que recollen dende herbáceas ata coles pasando por fresas, arandos ou frambuesos, xunto con especies froiteiras que dan castañas, kiwis, noces ou mazás, coas que fan mercadiños, sen esquecer a madeira e as resinas. Este é o segundo ano que aproveitan o zume das bidueiras. Miguel Freire explica que "é moi enerxético, ten moitos oligoelementos e vitaminas. Úsase moito en Siberia, onde salvou vidas en condicións adversas, xa que axuda a reconstituír o corpo".

BIODIVERSIDADE. O instituto aproveita o programa para xerar maior biodiversidade na súa parcela, onde ten un bosque de coníferas, unha área botánica e está creando roteiros para facer visitas identificando especies ou polo xardín das prantas aromáticas. Este ano tamén fixeron unha charca natural bombeando auga para fomentala fauna acuática. Ademais fan obradoiros de inxerto e poda.

Creación da charca. CEDIDA
Creación da charca. CEDIDA

Este curso céntranse nas aromáticas, traballan no uso das esponxas naturais como estropallos ou para a cosmética, a elaboración de xabóns, colutorios, pasta de dentes ou infusións. "Todo o que podemos facer do bosque comestible como horto para que os alumnos vexan que hai alternativas no eido forestal", sinala Freire. De feito, foron á semana da ciencia de Navia, onde lles quitaban das mans os xabóns de glicerina feitos con luffa. Traballan cunha máquina extractora para facer aceites esenciais, aromas ou tintes.

Tamén abordan o campo culinario, para o que cultivan setas itaki e ostreatus inoculando as esporas en troncos de carballo. Estes fungos xaponeses teñen un gran valor económico na alta restauración.

O proxecto tivo a colaboración de alumnos do departamento de Bioloxía, que participaron coa elaboración de caixas niño para fomentar o asentamento de aves, incluidos refuxos para os mórcegos, xa que "os animais insectívoros axudan no control das pragas". Ademais no invernadoiro crian sanxoaniñas e outros insectos, como a crisopa, como arma de loita biolóxica ao ser inviable o uso de produtos químicos en áreas forestais, di Freire. E para o futuro proxectan un parque de caracois.

Comentarios