Iria Pita Lorenzo: "No altar hai unha réplica da virxe do Pilar de Zaragoza"

As igrexas sempre gardan segredos, tesouros, curiosidades e moita historia. Este verán todo o que se agocha tras os muros do que noutrora fora o templo parroquial de Burela quedará ao descuberto cada xoves nas visitas comandadas pola guía da Igrexa de Vila do Medio de Burela
A guía das visitas Iria Pita. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera A guía das visitas Iria Pita. JOSÉ Mª ÁLVEZ

AS PINTURAS murais do século XV foron as que lle devolveron a fama e o interese á igrexa de Vila do Medio de Burela, pero non só de pinturas vive este templo.

Dentro do seu estilo, estas pinturas murais teñen algunha particularidade?

Pertencen ao estilo gótico tardío e dentro do mesmo serían de factura arcaico-medieval, polo que unha das súas características sería a inexpresividade, que sen embargo non se dá exactamente neste caso. Por exemplo, no mural da flaxelación de Xesús, un dos que mellor se conserva, a maneira de pintalo mostra dinamismo e certa emotividade; o xeito de pintar os soldados, máis gordos ca Xesús, mostran a súa posición de superioridade e a súa posición coas bocas abertas, os ollos saltóns, o nariz prominente e as caras desencaixadas mostran a súa fereza e a crueldade do momento. Ademais, o autor tamén se permitiu unha licenza porque os soldados levan unha vestimenta cortesana renacentista, moi afastada á que levarían na época dos feitos que representa o mural.

As pinturas que se conservan son unha pequena mostra das que había.

Si, só se conserva unha pequena parte. Non só había pinturas na parede que agora se pode ver senón na de enfronte, pero ao ampliarse a igrexa polo aumento de poboación tirouse e só se conserva a da entrada, que se cre que corresponde a Xesús no monte dos Olivos. Durante séculos descoñeceuse a súa existencia porque estaban cubertas polo cal porque se pensaba que tapadas deste xeito se protexían de pragas ou pandemias que naqueles tempos adoitaban ser habituais.

Cando foron descubertas?

No 1973 deron con elas uns rapaces aos que lles caeu dentro da igrexa a pelota coa que estaban xogando. Dende ese momento, persoas desinteresadas arranxaron o teitume para que deixara de entrar auga no edificio, que levaba abandonado dende 1962. As xestións para rehabilitar o templo e as pinturas foron lentas e non se abriu ao culto ata 1994.

Que outras cousas explica aos visitantes sobre a igrexa?

Fálolles algo dos Bolaño, que eran os patronos de Burela e a quen pertencía a capela maior, o que dá pé a explicar un pouco o pasado baleeiro do porto burelés. Tamén fago referencia a unha posible conexión entre os Bolaño de Burela e Marilyn Monroe, que a min me sorprendeu cando a escoitei. Un dos Bolaño de Burela emigrou a México e a actriz coñeceu o seu neto, que era director de cine. Din que foi o seu último amante e asistiu con ela aos seus últimos Globos de Ouro.

Tamén hai unha imaxe curiosa a un lado do altar maior.

Si, é unha reprodución idéntica da virxe do Pilar que está na basílica de Zaragoza. En todas as igrexas importantes fanse varias copias das imaxes por se se produce un incendio, hai un roubo ou calquera outro incidente. No momento que trouxeron esta Virxe o párroco tiña contacto co bispo de Zaragoza, por iso contamos con ela aquí, pero teremos que devolvela se así nolo piden.

O contorno da igrexa tamén merece unha visita.

Si, nas inmediacións hai elementos de interese como un castiñeiro centenario, unha fonte, un lavadoiro comunitario ou os restos dun muíño. É un percorrido que se pode facer nuns vinte minutos e pode complementar perfectamente a visita guiada á igrexa. A ruta non está sinalizada como tal, pero na páxina web municipal está creada para servir de orientación a quen se anime a coñecer algo máis do patrimonio etnográfico e paisaxístico burelés.

Comentarios