miércoles. 28.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 28.10.2020
El tiempo

Alfoz recorda os seus 800 anos de vida como concello cun repaso á súa historia

Arantxa Incera e Jorge Val, co cartel ante o Castro de Ouro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Arantxa Incera e Jorge Val, co cartel ante o Castro de Ouro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
XORNADAS. Diversos especialistas falarán do pasado dun territorio que conmemora os oito séculos da concesión do título de vila ao Catro de Ouro

O CONCELLO de Alfoz celebra este ano o 800 aniversario da concesión do título de vila ao Castro de Ouro, o que foi o xerme do nacemento de Alfoz como concello. Unha efeméride que, xunto coa súa historia desde a época castrexa ata o século XIX, se analizará nunhas xornadas que terán lugar a vindeira semana, venres e sábado, coa presenza de historiadores e expertos en cada unha das materias.

Un evento que incluirá tamén unha visita guiada ao patrimonio arqueolóxico, histórico e artístico do concello, "o que axudará a poñer a Alfoz no mapa", recorda Jorge Val, o seu alcalde e coordinador das xornadas, que rematarán co descubrimento na antiga escola de Bacoi dunha placa lembrando a efeméride. Un lugar, levantado cos cartos da emigración, que se escolleu como símbolo ao ser nesa parroquia onde se asinou o acordo do Castro de Ouro como vila.

A pandemia obrigou a retrasar a cita deste 800 aniversario, que se cumpriu exactamente o 10 de abril, pero dende o Concello apostaron pola organización dunhas xornadas de estudos históricos, que se celebrarán no salón de actos do centro sociocultural, que conta con maior aforo que o Castelo de Castro de Ouro, onde tiñan previsto celebrarse nun principio, pero o protocolo covid obrigou ao seu traslado e tamén a ter que anotarse previamente, o que se pode facer a través do enlace da páxina web do concello (https://www.concellodealfoz. com/amplia/446/800-aniversario- a-vila-do-castro-de-ouro.html) onde ademais están as inscricións que deberán enviar ao email concello. [email protected], conta a edila Arantxa Incera Ares, que é ademais a secretaria das xornadas.

Unha placa na escola de Bacoi recordará a concesión do título, xerme do concello actual

Unha organización na que está directamente implicado o historiador local Carlos Andrés González Paz, "quen foi o que nos axudou na súa posta en marcha porque é o que ten máis coñecemento do tema e o que colaborou con nós en todo o proceso, tamén na busca dos poñentes", conta o mandatario alfocego, que fai extensivo o seu agradecemento á Deputación Provincial, entidade que financia as xornadas e que se encargará de gravar o seu servizo de audiovisuais para, posteriormente, poder visualizarse a través das webs municipal e provincial.

As xornadas arrancarán o venres ás dez para, trala súa inauguración, dar comenzo ás charlas da mañá, a cargo de Abel Vigo, quen disertará, ás dez e media, sobre Mundo castrexo e galaico-romano en Alfoz; Aurelia Baleiro, ao mediodía, farao sobre O ouro dos nosos devanceiros e Carlos Baliñas, á unha, achegará un relatorio sobre Imperium: o legado esquecido do reino galaico- leonés (1111-1230).

Pola tarde, será Dolores Barral quen achegue ao público á historia de A arte medieval en Alfoz. Unha ponencia que dará paso á visita guiada de dúas horas por algunhas das xoias patrimoniais do concello.

Os asistentes retomarán a actividade o sábado ás dez da mañá coa charla de Carlos Andrés González Paz sobre ‘A constitución e configuración da vila do Castro de Ouro entre os séculos XII e XVI’.

O Mariscal Pardo de Cela: vellos documentos e novas noticias é o título da ponencia que dará Eduardo Pardo de Guevara, ás once e media. Tras el, intervirá Pegerto Saavedra para falar de ‘O Concello de Alfoz de Castro de Ouro entre 1500 e 1850.

As ponencias serán gravadas e estarán na web municipal para  todo o público

Ás dúas está previsto o acto de clausura, para o que dende e o Concello alfocego agardan contar cunha nutrida representación institucional e enviaron invitacións aos mandatarios municipais da Mariña, ademais de ao presidente da Deputación, José Tomé, ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e ao delegado do Gobierno en Galicia, Javier Losada.

Pola tarde, resérvase para un dos actos máis simbólicos, como é o descubrimento da placa conmemorativa na escola de Bacoi, deixando así constancia da moita historia que ateseoura este concello. Unha proposta á que se estuda sumar outra, como é a confección dun mural no exterior da casa consistorial. "É unha proposta que estamos a valorar, pero que de momento está pendente polo covid, motivo polo que tampouco podemos implicar aos alumnos de secundaria nas xornadas", aseverou Jorge Val.

Ás sete da tarde, González Paz presentará o seu libro O bispado de Mondoñedo na Idade Media: territorio, comunidade e poder.

Alfoz recorda os seus 800 anos de vida como concello cun repaso á...
Comentarios