martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Alfonso Villares: "Estamos traballando nunha nova liña de axudas para seguir apoiando a hostalería"

ALFONSO VILLARES ALCALDE DE CERVO EN EL BOSQUE CERCANO A SARGADELOS- FOTO JM ALVEZ
Alfonso Villares. JOSÉ Mª ÁLVEZ
O Concello cervense adoptou ao longo destes meses de pandemia diversas medidas económicas, como a exención de taxas ao pequeno comercio e á hostalería, para favorecer a recuperación económica e continúa artellando maneiras de contribuír, dentro das súas posibilidades, a minimizar as consecuencias que se derivan da situación sanitaria.

Máis dun ano despois de que a pandemia de covid-19 mudara todo, os concellos seguen traballando para, dentro das súas posibilidades, contribuír a superar os efectos que está a deixando na sociedade e na economía. Neste tempo, os rexedores tamén se tiveron que adaptar a novas formas de traballar e afrontar problemas e retos novos. 

Un ano duro este último. 
Si, foino para toda a poboación. Os concellos como a administración máis próxima aos veciños notamos de xeito máis directo todos os problemas aos que se teñen que enfrontar. 

A chegada da pandemia, mudou todo. Que maneira de traballar puxeron en marcha naqueles primeiros meses dende o Concello? 
Dende o confinamento intentamos ver todo o que se podía facer dende o Concello e o que se puido levar adiante, fíxose. Sempre estivemos a disposición dos veciños, dende o primeiro momento. É certo que nós ao ser un Concello que ten case todos os servizos xestionados directamente, puidemos ser máis áxiles e traballar de xeito máis directo en función das pautas que establecemos para ir actuando. 

Primeiros momentos
Estivemos en contacto con todos os veciños a través da rede de pedáneos que existe nas parroquias

Cales foron as medidas naqueles momentos? 
Había que priorizar as medidas sanitarias e sociais, sobre todo, nos colectivos máis vulnerables. Por exemplo, coidamos con especial esmero ás persoas do servizo de axuda no fogar e á residencia. Tamén nos volcamos nas desinfeccións, que visto dende esta perspectiva igual non eran tan necesarias, pero naquel momento había que facelas e fixéronse. Tamén mantivemos xa un primeiro contacto con aqueles sectores que non podían abrir para dicirlles que lles íamos axudar e xa naquel momento se lles deixou de cobrar o recibo do lixo. Ademais estivemos en contacto con todos os veciños a través da rede de pedáneos para estar atentos a todas as necesidades que puideran xurdir. 

Tamén tiveron un completo programa de actividades online. 
Si, quixemos facer actividades online para veciños de todas as idades con programas específicos que deseñaron os compañeiros do equipo de goberno. 

Unha vez pasada a emerxencia máis inminente, tocou pensar a longo prazo. 
Si, unha vez cubertas as necesidades dos veciños e de ter controladas aquelas que puideran xurdir pensamos xa nas liñas de axudas que se podían artellar para apoiar aos negocios e empresas. Fíxose unha exención da taxa da basura e tamén das terrazas e, a finais do ano pasado, sacouse unha liña de axudas para a reactivación económica dirixida a todas as persoas autónomas, incluíndo ao sector agrario e pesqueiro, e pequenas empresas que exercen a súa actividade no termo municipal. O obxetivo é o de non deixar a ninguén á marxe. 

Filosofía
O Concello aposta por unha política innovadora de dar utilidade ás edificacións públicas con actividade económica

Unhas axudas que teñen continuidade no tempo. 
Unha vez que o problema se alonga establécese outro nivel de axudas máis importantes que supón a modificación das ordenanzas das terrazas, da agua, do lixo e do saneamento co obxectivo de favorecer á hostalería e ao pequeno comercio local, que estarán exentos de abonar estes canons desde o vindeiro mes de xullo. A medida aplicarase durante catorce meses no caso do sector hostaleiro e durante medio ano no caso do comercio e farase coincidindo co periodo estival, que é a época do ano na que estes recibos acostuman a ser máis elevados. Agora mesmo tamén estamos traballando noutra liña de axudas que está destinada ao sector hostaleiro que irá en liña coas que plantexa a Xunta e que se anunciarán nos vindeiros días. 

Dende Cervo xa levaban tempo apostando por aumentar a actividade económica no municipio. 
A aportación aos emprendedores é importante e levámola a cabo dentro dunha política innovadora que busca utilizar as edificións públicas poñéndoas a disposición de emprendedores, como o centro de emprendemento de Sargadelos, que está tendo moita repercusión. Tamén hai uns días sacouse a licitación a explotación da cafetería de Río Covo a un prezo simbólico para que se poda desenvolver nela unha actividade. O interese do Concello é o uso das instalacións e non recaudar. Nesta liña tamén se seguirán poñendo en marcha novas medidas porque cremos que funciona e é útil.


"O noso traballo como goberno é estar vixiantes e dar resposta ás necesidades da poboación" 
Como viviu e vive dende a alcaldía esta pandemia? 
Estando o máis preto posible da xente. Todo o equipo de goberno traballa xunto e con responsabilidade para atender as necesidades dos veciños dentro do respecto ás normas. Temos que estar vixiantes aos sectores que o están pasando mal e aínda que a nosa actividade está limitada, suplímolo estando alerta. 

De que xeito pensa que ven os veciños a resposta municipal? 
Nestes momentos non é cuestión de pulsar a sociedade. Entendemos que temos que facer cousas dentro das nosas posibilidades económicas, traballar de xeito sensato e responsable. Os veciños están preocupados pola situación sanitaria e económica e polo que imos vendo non hai moita desaprobación ao que facemos. 

Tamén está sendo un tempo de solidariedade. 
Si, moita xente está sendo solidaria. En Cervo por exemplo houbo mulleres e homes que se volcaron na fabricación de máscaras ante as carencias de material de protección que houbo nun primeiro momento poñendo as súas capacidades ao servizo público. Dende o Concello, dalgún xeito, quixemos devolverlles ese traballo altruísta que desenvolveron e organizamos a homenaxe ‘Puntadas de solidariedade’ dentro dos actos do Día da Muller.

Alfonso Villares: "Estamos traballando nunha nova liña de axudas...
Comentarios